Noticias

O auditorio de Caldas acolle dende hoxe a exposición fotográfica "Exodus" sobre as persoas refuxiadas dos conflitos bélicos

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, inaugurou a mostra que recolle as fotografías dos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago


01 jul 2016

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, asistiu esta mañá á inauguración da exposición fotográfica "Exodus: Na procura do refuxio" no Auditorio municipal do concello de Caldas de Reis, xunto coas concelleiras de Benestar Social, María Socorro Tobío, e de Cultura, María López. A mostra, elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015, documentan as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa. Tal como lembrou a Deputada, "Exodus provén dos termos latino e grego que significan ‘saída', coas consecuencias que iso leva consigo".

Digna Rivas resaltou que "as institucións públicas e polo tanto a Deputación de Pontevedra temos unha importantísima labor de divulgación de información, temos que ser quen informen á cidadanía do que está a acontecer no mundo" e sobre todo nuns casos, como é o drama dos refuxiados, "nos que non abonda con ver dous minutos de televisión para nos concienciar", senón que "requiren unha reflexión máis profunda" que se pode obter observando estas fotografías, xa que "cada unha delas contén unha historia", sinalou, "que lle pode pasar a calquera persoa con independencia da súa procedencia ou do seu nivel de estudos". A Deputada de Cohesión Social quixo facer unha comparación do drama das persoas refuxiadas co caso de moitas enfermidades que observa no seu servizo, pois "se non as padecemos nós ou non as temos nas nosas familias nos soan, pero é como se non existiran. Iso non pode ser así porque teñen unha grande repercusión", concluíu a este respecto.

A exposición exhibiuse entre o 29 de abril e o 10 de xuño no Pazo provincial da Deputación, "pero pareceunos boa idea que se fixera itinerante para que recorrese os concellos da provincia" e que a súa veciñanza, afirmou, "saiba o que está a acontecer". Ademais, Rivas asegurou que "non todos os concellos a quixeron acoller" e por iso se amosou "moi agradecida co concello de Caldas de Reis", por permitir achegar á súa veciñanza "a realidade do que está a acontecer". A Tenente de Alcalde e Concelleira de Benestar Social, Socorro Tobío, quixo agradecer a iniciativa da Deputación e asegurou que "a resposta por parte da veciñanza de Caldas foi espectacular, ao igual que as propias fotografías".

Cómpre lembrar que Europa se está a afrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25% delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade. En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.