Noticias

Salceda de Caselas, novo escenario da mostra fotográfica "Exodus"

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, inaugurou hoxe a exposición que recolle unha serie de imaxes das persoas refuxiadas dos conflitos bélicos


19 xul 2016

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, asistiu esta tarde á inauguración da exposición fotográfica "Exodus: Na procura do refuxio" na Casa da Cultura Castelao de Salceda de Caselas, un acto ao que tamén asistiron representantes do Concello de Salceda. A mostra, elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015, documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa.

Tal como lembrou Digna Rivas, "Exodus provén dos termos latino e grego que significan ‘saída', coas consecuencias que iso leva consigo". As persoas protagonistas destas imaxes son persoas "que escapan de países onde uns poucos están a impoñer a súa vontade por enriba de todo", que "arriscan as súas vidas ata chegar a perdelas no Mediterráneo" buscando "esperanza, paz e solidariedade", explicou a deputada provincial.

Digna Rivas resaltou que "as institucións públicas e polo tanto a Deputación de Pontevedra temos unha importantísima labor de divulgación de información, temos que ser quen informen á cidadanía do que está a acontecer no mundo". Asegurou ademais que cada unha das fotografías "contén unha historia", sinalou, "que lle pode pasar a calquera persoa con independencia da súa procedencia ou do seu nivel de estudos". A Deputada de Cohesión Social quixo facer unha comparación do drama das persoas refuxiadas co caso de moitas enfermidades que observa no seu servizo, pois "se non as padecemos nós ou non as temos nas nosas familias nos soan, pero é como se non existiran. Iso non pode ser así porque teñen unha grande repercusión", concluíu a este respecto.

A exposición exhibiuse entre o 29 de abril e o 10 de xuño no Pazo provincial da Deputación, "pero pareceunos boa idea que se fixera itinerante para que recorrese os concellos da provincia" e que a súa veciñanza, afirmou, "saiba o que está a acontecer". Ademais, Rivas asegurou que "dáme mágoa dicir que non todos os concellos a quixeron acoller" e por iso se amosou "moi agradecida co concello de Salceda de Caselas", por permitir achegar á súa veciñanza "a dura realidade do que está a acontecer".

Cómpre lembrar que Europa se está a afrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25% delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade. En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.