Noticias

A loita contra a violencia machista protagonista en Ponteareas coa nova acción de Violencia Zero protagonizada pola actriz Estíbaliz Veiga

Veiga interactuou con preto de 300 rapazas e rapaces que asistiron á proposta interactiva "Recoñecer os golpes que non marcan a pel"


09 xaneiro 2020
Mulleres en Acción. Violencia Zero

Facer que a mocidade se dea de conta do que está a acontecer na sociedade na que vivimos reivindicando a igualdade e a loita contra as violencias machistas foron os obxectivos da acción de "Mulleres en acción. Violencia zero" levada a cabo esta mañá en Ponteareas. Nesta ocasión o auditorio Reveriano Soutullo acolleu con motivo do programa da Deputación de Pontevedra unha iniciativa de Estíbaliz Veiga nomeada Recoñecer os golpes que non marcan a pel. Á cita acudiron a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e preto de 300 alumnas e alumnos de secundaria pertencentes aos centros educativos CPR Santiago Apóstol e IES Val do Tea acompañados por persoal docente dos mesmos.

Esta foi a cuarta acción levada a cabo no marco da quinta edición do programa, que se iniciou en novembro de 2019 e que xa pasou polos concellos de Vigo, Pontevedra e Lalín. A presentadora, actriz, escritora de guións e pedagoga, Estíbaliz Veiga, levou a cabo unha proposta interactiva coa mocidade como público obxectivo. En primeiro lugar a artista presentou Golpes, un monólogo sobre a violencia de xénero baseado en feitos reais co que está a xirar na actualidade, e logo, coa colaboración do público, fixo unha aproximación a través de métodos de interpretación á personaxe na que está baseado. A acción tivo moi boa acollida e na súa segunda parte colleron especial protagonismo ao interactuar coa artista un profesor e unha profesora dos centros educativos participantes así como alumnado dos mesmos.

"Mulleres en acción. Violencia zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición ten lugar en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).