Noticias

O programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero" chega este mércores a Forcarei da man de Diana Sieira

A iniciativa da artista titulada "Nós somos protagonistas" levarase a cabo ás 11:30 horas no IES Chano Piñeiro


28 xaneiro 2020
Mulleres en Acción. Violencia Zero

O concello de Forcarei acollerá este mércores 29 de xaneiro a sexta acción da nova edición do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero", que se estreou no pasado mes de novembro. A cita terá lugar ás 11:30 horas no IES Chano Piñeiro, onde a artista Diana Sieira está a pasar dous días co alumnado do centro. Este martes 28 a artista traballa coa mocidade unha serie de accións como son a análise de poesías e cancións que elas e eles consideren non igualitarias, ou a parodia dun desfile de moda intercambiando os roles de xénero. Todas as actividades lévanse a cabo desde o punto de vista das e dos adolescentes para que elas e eles mesmos saquen as súas conclusións. Xa o mércores 29, con todo o traballo levado a cabo durante o día anterior, o alumnado realizará un espectáculo de "varietés" titulado "Nós somos protagonistas" e no que Diana Sieira actuará como mestra de cerimonia.

Sieira é unha artista multidisciplinar cun amplo coñecemento das artes escénicas, que lle confire un perfil amplo e privilexiado á hora de abordar calquera tipo de proxecto. Actualmente traballa no programa Luar, coordinando e presentando a súa sección de circo, e xira por toda Galicia xunto con Ángela Triana co dúo cómico Niñas de la Risa.

"Mulleres en acción. Violencia zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición novamente ten lugar en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).