Noticias

A exposición sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia xa pode visitarse en Domaio

"Escenarios da Prehistoria para visitar", composta por 37 paneis fotográficos de Federico de la Peña, poderá visitarse no Clube de Xubilados de Domaio ata o 13 de agosto


20 xullo 2017
Escenarios da prehistoria

Trinta e sete paneis fotográficos complementados con debuxos e paneis explicativos amosan a riqueza patrimonial arqueolóxica da provincia de Pontevedra nunha exposición que hoxe se abre no Clube de Xubilados de Domaio. Baixo o título "Escenarios da Prehistoria para visitar", a mostra foi inaugurada esta tarde polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, pola concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, María Ortega, polo concelleiro de Ensino, Normalización Lingüística e Facenda, Aldán Santamarina, e polo comisario e autor das imaxes, Federico de la Peña. "Esta exposición está directamente relacionada coa profunda preocupación que hai en toda a comarca do Morrazo para preservar o noso patrimonio, como estamos vendo aquí en Domaio, co caso do castro de Montealegre" sinalou Xosé Leal durante a apertura da mostra. Unha idea que foi secundada polos concelleiros de Moaña que aseguraron que "esta exposición é moi valiosa para apreciar a riqueza do noso patrimonio, sobre todo despois da loita conxunta entre institucións e veciñanza para que as obras de ampliación do corredor non afectasen á contorna de Montealegre".

As fotografías da mostra amosan as mámoas, menhires, castros e petróglifos máis senlleiros da provincia, e están complementadas con ilustracións de gran formato que amosan como se  construíron eses lugares ou como se tallaron diferentes ferramentas esenciais para a supervivencia daqueles antigos poboadores do noso territorio. Así mesmo, diferentes textos presentes tamén na sala darán resposta ás preguntas mais frecuentes sobre os lugares fotografados. Cada fotografía vai acompañada dunha cartela que indica o nome do elemento arqueolóxico, a súa localización, superficie, a descrición técnica, a súa función e importancia histórica, a data de construción e o estado actual de conservación.

"Escenarios da prehistoria para visitar" é unha exposición que xa percorrera parte da provincia durante o pasado exercicio con motivo do Ano Castelao e que entroncaba coa preocupación deste autor polo patrimonio arqueolóxico e artístico do país. Unha preocupación que tivera o seu reflexo directo no seu álbum "As cruces de pedra na Galiza", así como nos seus estudos sobre escudos, e na súa participación na "Sociedad Arqueológica de Pontevedra", dedicada ao estudo e conservación dos elementos do noso patrimonio, así como a música e a poesía popular. Durante o 2017, a mostra continuará percorrendo a provincia con motivo do Ano do Patrimonio. En Domaio poderá visitarse ata o 13 de agosto, en horario de 16 a 20 horas os luns, mércores e venres.

Elemento arqueolóxico de Moaña incluído na mostra (texto que figura na cartela explicativa das fotografías da mostra)

Chan de Arquiña. Mámoa localizada na parroquia de Domaio, Concello de Moaña, nunha área recreativa. Foi escavada e restaurada nos anos cincuenta do século pasado por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, un dos pais da investigación arqueolóxica galega. No pasado, o seu dolmen, cando estaba ao descuberto adoitaba ser empregado coma vertedoiro de lixo e retrete. Desde hai uns anos atópase inxerido no túmulo. Conserva pequenos restos de pintura no interior da súa cámara. O seu estado de conservación é bo. Ten a categoría de Ben de Interese Cultural (B.I.C.)