Noticias

A exposición sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia inicia o seu percorrido en Marín

"Escenarios da Prehistoria para visitar", composta por 37 paneis fotográficos de Federico de la Peña, poderá visitarse no Museo Municipal Manuel Torres ata o 28 de abril


07 abr 2016
Marín

Trinta e sete paneis fotográficos complementados con debuxos e paneis explicativos amosan a riqueza patrimonial arqueolóxica da provincia de Pontevedra nunha exposición que hoxe inicia o seu percorrido en Marín. Baixo o título "Escenarios da Prehistoria para visitar", a mostra foi inaugurada esta mañá no Museo Municipal Manuel Torres polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e polo comisario e autor das imaxes, Federico de la Peña. "Esta exposición está directamente relacionada cunha das disciplinas nas que Castelao foi un precursor, a preservación do patrimonio arqueolóxico, e que ademais ten unha conexión moi profunda co concello de Marín e coa comarca do Morrazo, onde temos unha importante representación de elementos arqueolóxicos", sinalou Xosé Leal durante a apertura da mostra.

A exposición forma parte das actividades culturais que se programan nos concellos da provincia con motivo do Ano Castelao das Artes que se celebra durante este 2016. Neste sentido, Leal volveu lembrar que "un dos fitos máis importantes deste ano é que programamos actividades culturais nos 62 concellos, que esperamos que funcionen en rede porque hai que fomentar que a cultura se mova en rede para que todos os concellos participen e difundan o patrimonio cultural do conxunto da provincia". En relación a esta exposición, o deputado de Cultura e Lingua destacou que percorrerá concellos nos que a pegada arqueolóxica ten unha relevancia manifesta, comezando por Marín, e que seguirá por Mos, Cuntis e A Guarda. Incidiu ademais na necesidade de dar a coñecer o patrimonio porque "está claro que se non o coñecemos non o podemos preservar nin valorar como se merece".

Pola súa banda, a alcaldesa, María Ramallo, agradeceu que se tivese en conta a forte vinculación de Marín co patrimonio arqueolóxico á hora de reflectilo na mostra. Tamén amosou a súa satisfacción porque esta exposición se programe neste concello para que toda a veciñanza poida visitala e reforzar a posta en valor destes elementos patrimoniais.

"Escenarios da Prehistoria para visitar" entronca coa preocupación de Castelao polo patrimonio arqueolóxico e artístico do país. Unha preocupación que tivo o seu reflexo directo no seu álbum As cruces de pedra na Galiza, así como nos seus estudos sobre escudos, e na súa participación na Sociedad Arqueológica de Pontevedra, dedicada ao estudo e conservación dos elementos do noso patrimonio, así como a música e a poesía popular.

As fotografías da mostra amosan as mámoas, menhires, castros e petróglifos máis senlleiros da provincia, e están complementadas con ilustracións de gran formato que amosan como se  construíron eses lugares ou como se tallaron diferentes ferramentas esenciais para a supervivencia daqueles antigos poboadores do noso territorio. Así mesmo, diferentes textos presentes tamén na sala darán resposta ás preguntas mais frecuentes sobre os lugares fotografados. Cada fotografía vai acompañada dunha cartela que indica o nome do elemento arqueolóxico, a súa localización, superficie, a descrición técnica, a súa función e importancia histórica, a data de construción e o estado actual de conservación.

A mostra poderá visitarse en Marín, no Museo Municipal Manuel Torres, ata o 28 de abril, e posteriormente chegará a Mos, entre o 14 de maio e o 4 de xuño, a Cuntis, entre o 15 de setembro e o 7 de outubro, e rematará a súa andaina na Guarda, entre o 14 de outubro e o 5 de novembro. 

Elementos arqueolóxicos de Marín incluídos na mostra (texto que figura nas cartelas explicativas das fotografías da mostra)