Noticias

A Deputación traslada ao alcalde de Cerdedo-Cotobade as liñas do novo proxecto para a mellora integral da estrada Xesteira-Almofrei

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, anunciou o inicio dos trámites para a execución dunha obra moderna, que transforme a EP-0405 con criterios de seguridade viaria e respecto polos valores da contorna natural


14 febreiro 2020
O deputado provincial de infraestruturas, Gregorio Agís, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela

O deputado provincial de infraestruturas, Gregorio Agís, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a quen presentou os plans do seu departamento para comezala tramitación dun novo proxecto para a EP-0405, Xesteira-Almofrei, que supere as limitacións e deficiencias técnicas do proxecto do ano 2015 e concorde cos criterios do modelo de seguridade viaria, calmado de tráfico e fomento da mobilidade peonil da nova Deputación.

Durante a xuntanza, na que estiveron presentes técnicos provinciais, ambas partes acordaron comezar a traballar "dende cero" para o desenvolvemento deste novo proxecto. Dende a Deputación adiantóuselle ao alcalde que será unha actuación que mellorará a plataforma e o trazado, pero deseñada en clave de mellora da seguridade peonil e de respecto por unha contorna ambiental de especial valor. Unha vez que o proxecto estea redactado negociarase co Concello a fórmula de colaboración institucional que permita o seu co-financiamento.

Gregorio Agís destacou que a intención do seu departamento é que a obra "quede ben" e supere os graves defectos que contiña o anterior proxecto, que resulta imposible de executar dado que mesmo contén erros na identificación dos predios cedidos e chegouse a expropiar fincas que non eran necesarias, mentres hai outras que están afectadas e non figuran como dispoñibles. Ademais, subliñou, non era posible encaixalo dentro do modelo do século XXI que está a promover a nova Deputación, apostando sempre pola mobilidade segura e a compatibilidade dos tráficos rodados e peonís. Máis aínda nunha estrada na que resulta habitual a presencia de viandantes.

A actuación suporá unha importante mellora xa que o Goberno provincial contempla actuar sobre o quilómetro e medio de estrada, ata o Campo da Feira, "e non só nos 700 metros que contemplaba o antigo proxecto do anterior goberno de Rafael Louzán que, amais, remataba nun muro e tiña deficiencias importantes que obrigaron a paralizalo", explicou Agís. O deputado remarcou tamén que será necesaria tamén a colaboración do Concello de cara a obtención da totalidade dos terreos necesarios.

O responsable das Infraestruturas provinciais concluíu que a Deputación tivo sempre as portas abertas a realizar a mellora desta vía, como xa hai meses se comunicou ao Concello e á propia veciñanza. "Esta actuación", insistiu, "forma parte da filosofía do Goberno da Deputación de actuar nas estradas provinciais seguindo un modelo de mobilidade que segue a ser posto de exemplo en foros nacionais e internacionais".