Noticias

A Deputación de Pontevedra remata as obras de mellora da seguridade viaria en estradas de Forcarei e Cerdedo-Cotobade

A actuación, cun investimento de 50.000 euros, permitiu renovar e colocar barreiras de protección na EP 7104 ao seu paso por ambos os dous concellos


14 xaneiro 2020
Obras Forcarei e Cerdedo-Cotobade

A Deputación de Pontevedra rematou as obras de mellora da seguridade viaria en estradas de Forcarei e Cerdedo-Cotobade por valor de preto de 50.000 euros. A actuación, acometida por AUDECA, permitiu renovar e colocar barreiras de protección na EP-7104 entre Cerdedo e Santo Domingo, nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei, e na EP-7204 entre Soutelo e Ratel, en Forcarei, dando así resposta a unha vella demanda formulada pola veciñanza dos concellos. 

Máis polo miúdo a través desta iniciativa mellorouse a seguridade viaria entre os puntos quilométricos 0+000 e o 12+251 na estrada provincial 7104 entre Cerdedo e Santo Domingo e tamén entre os puntos quilométricos 7+700 e 8+115 entre Soutelo e Ratel.

Neses tramos substituíuse a barreira existente que non cumpría a súa función por estar danada ou en mal estado por outra nova. Noutros casos, aínda que a barreira estaba en bo estado, substituíronse os postes para aseguralos e garantir así a seguranza viaria da cidadanía que emprega ambas vías provinciais.