Noticias

Bertín, o avó do CAAN, xa goza do seu novo fogar en Cerdedo-Cotobade

O animal que máis tempo levaba no centro, no que entrou sendo un cachorro en 2013, foi trasladado hoxe ao domicilio de Elisa, a muller que o adoptou na parroquia de Valongo


04 decembro 2019
Bertín despídese do CAAN

Seis anos despois, a historia de Bertín, o avó do CAAN, por fin ten un final feliz. Este mestizo xa goza do seu novo fogar en Cerdedo-Cotobade, onde foi trasladado esta mesma tarde polo persoal do centro despois de pasar os seus primeiros seis anos de vida nas instalacións da Armenteira.

O último chamamento feito pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a presentación da nova campaña de sensibilización do CAAN a pasada semana tivo finalmente resposta cando Elisa, de 63 anos, tomou a decisión de adoptar a Bertín. Esta veciña da Raña, na parroquia de Valongo, recibiu encantada o can acompañada de Mariña, a súa sobriña neta.

"Estamos moi felices de que por fin Bertín teña un fogar por vez primeira na súa vida", indicou Carmela Silva. "A súa historia, e as que demos a coñecer estes días, coma o caso dos cinco cachorros botados a un colector en Vilanova, amosan que o problema do abandono de animais segue a ser grave. A nosa filosofía no CAAN é a do coidado e o benestar dos animais ata que academos a súa adopción, que permita que estean nun ambiente de cariño, atención e coidado". Reiterou que Bertín "é un can moi bo, cariñoso, que será unha delicia para a súa nova dona".

A historia de Bertín é a dun máis das moitas cadelas e cans que seguen a ser abandonados, Chegou ao CAAN sendo un cachorro, con apenas un mes de vida, o 11 de abril do 2013, tan só tres días despois da apertura do centro dependente da institución provincial. Este mestizo apareceu abandonado, aínda que en bo estado de saúde, na praza maior do municipio das Neves, e o propio Concello foi quen avisou o CAAN. Na Armenteira entrou como o can número 14 e, se ben ao principio era asustadizo e desconfiado, na actualidade ten moi bo carácter, segundo destaca o persoal do centro.

O veterinario xefe do CAAN, José Luis Pedreira, subliñou tamén que Bertín "é o can máis especial que tiñamos". "Ata agora nós fomos a súa familia, evidentemente non a máis adecuada, pero a que coñece", indicou, para afirmar despois que está seguro de que o animal se acostumará enseguida ao seu novo fogar: "a unha situación mellor nos adaptamos sempre, e os animais tamén".

No centro atópanse arredor de 450 cans á espera da adopción. De cara a este Nadal, a Deputación lanzou unha nova campaña de sensibilización baixo o lema "Esteriliza, adopta", que pretende facer fincapé na tenza responsable de animais, así como na adopción fronte á compra. Esta campaña repartirá carteis e dípticos en toda a provincia, e busca implicar concellos, centros de ensino e Colexios de Veterinarios na tarefa de sensibilización fronte ao abandono.

Fotos