Noticias

A Deputación rematará a vindeira semana as obras do acceso peonil ao novo instituto de Soutomaior

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a mala climatoloxía impediu ata agora o pintado da sinalización horizontal da estrada provincial


15 novembro 2018
Mobilidade

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra rematará a vindeira semana as obras de mellora do tránsito peonil na estrada provincial EP-2908 ata o novo instituto de Soutomaior. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, os únicos traballos que restan, o pintado da sinalización horizontal, realizarase nos vindeiros días, xa que ata o de agora non foi posible pola climatoloxía adversa.

O proxecto para a estrada provincial que vai ao instituto consistiu na construción dunha nova senda peonil de 2,5 metros de largo e 205 metros de lonxitude na marxe dereita, conectando o último treito de beirarrúa da EP-2908 co novo IES, co fin de permitir que o alumnado se desprace ao centro de ensino camiñando en condicións de seguranza viaria.

Realizouse tamén unha actuación de calmado do tráfico a través de redutores físicos de velocidade de vehículos, mellorouse a iluminación e, por último, grazas a esta actuación da Deputación, o centro educativo pode contar con saneamento, xa que aproveitando a obra da senda peonil instaláronse novas tubaxes e un bombeo para conectar o edificio coa rede xeral.

O deputado Uxío Benítez explica que o prazo oficial de execución das obras, que comezaron en agosto, era de tres meses. Destacou o importante traballo feito polo persoal técnico e a construtora, xa que ante o inicio da actividade no instituto o pasado 3 de setembro, habilitouse unha solución urxente para as augas residuais ata a instalación da conexión definitiva que permitiu que o centro escolar fose operativo.

As obras para mellorar o acceso peonil ao novo instituto na EP-2908 foron obxecto de convenio entre a Deputación e o Concello de Soutomaior. Tiveron un orzamento total de 176.191,46 euros aportados no 70 % pola institución provincial e no 30 % polo goberno local.