Noticias

A Deputación promove o certificado de calidade SICTED entre o sector turístico de Vigo e comarca

A consecución da acreditación é gratuíta para as empresas e supón a súa participación nun sistema integral de calidade que se revisa cada dous anos


23 febreiro 2017
Presentación SICTED en Vigo

O deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, anunciou hoxe en Vigo que a Deputación de Pontevedra aspira a aumentar nun 25 por cento as empresas certificadas este ano dentro do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino da provincia de Pontevedra-Rías Baixas. Para iso, a Deputación está a promover un plan de asesoramento gratuíto entre as empresas turísticas da provincia para implantar o certificado de calidade SICTED.

Segundo destacou Santos Héctor na presentación do programa na sede viguesa da Deputación, en total vanse destinar en dous anos cen mil euros para a implantación do certificado de calidade SICTED nas empresas da provincia, tarefa para a que unha consultora asesora as empresas de xeito individual sobre os pasos para a súa posta en marcha.

De feito, incidiu en que "queremos que as empresas que pertenzan a algún dos subsectores turísticos que identifica o SICTED coñezan que de xeito totalmente gratuíto para elas estamos a asesoralas, a formalas, a guialas, a aconsellalas, a dotalas de ferramentas para que poidan acreditar que teñen un firme compromiso coa calidade e mellorar así o posicionamento do noso destino turístico no mercado".

O deputado de Turismo salientou o feito de que neste intre existen 203 empresas na provincia que xa contan co certificado SICTED  e que a previsión é que ata final de ano se superen as 250. Das xa certificadas, 30 están na cidade de Vigo, e o Hotel Ciudad de Vigo foi a primeira firma en acreditarse. "Soamente apostando pola calidade conseguiremos impulsar, diferenciar e consolidar o noso sector turístico, un dos principais motores económicos da provincia", asegurou Santos Héctor.

Para poder optar á certificación as empresas deben estar englobadas nalgunha das 32 categorías que identifica o SICTED, que son praias; bares e cafeterías; axencias de viaxe; guías turísticos; seguridade cidadá; comercios; cámpings; adegas; portos deportivos; palacios de congresos; hoteis e apartamentos; turismo industrial; servizos de limpeza; taxis; albergues; convention bureaux; outros servizos; aloxamentos rurais; artesáns; organizacións profesionais de congresos; atraque de cruceiros e ferries; servizos turísticos de saúde; empresas de transporte turístico; estacións de esquí e montaña; espazos naturais protexidos; oficinas de información turística; museos e centros de interese turístico; empresas de turismo activo; escolas de español para estranxeiros; alugueiro de vehículos e embarcacións de recreo; campos de golf e campos de pitch&putt; restaurantes e empresas turísticas de catering.

As empresas terán ata o próximo día 14 de setembro para adherirse a este proxecto. Posteriormente abrirase un proceso de formación e asesoramento individual a cada empresa para concluír coa avaliación final. Por último, será Turismo Rías Baixas quen valorará as propostas que finalmente obteñan a certificación SICTED. Como beneficio adicional, as empresas poderán participar en actuacións de promoción de Turismo Rías Baixas.