Noticias

A Deputación organiza este luns unha performance no Porriño no marco do programa "Mulleres en acción: violencia zero"

A través deste proxecto a institución provincial e os concellos promoven conxuntamente a loita contra a lacra social da violencia machista


04 marzo 2017
Violencia Zero

O Goberno provincial de Carmela Silva levará este luns ao concello do Porriño a performance "Non me queiras así", da artista Sandra Bejarano, enmarcada na segunda edición do proxecto da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción: violencia zero", de loita contra a violencia machista. A acción terá lugar, ás 12:00 horas, na praza Antonio Palacios e nela participarán estudantes de centros escolares da vila do Porriño.

"Mulleres en acción: violencia zero" é un proxecto de acción artística contemporánea no espazo público para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco no estado actual da problemática da violencia machista no noso país. Este ano o proxecto quixo ir máis aló da primeira edición, a través de accións en 25 concellos da provincia de Pontevedra -entre os meses de novembro de 2016 e novembro de 2017-, para darlle máis visibilidade á loita contra a lacra da violencia machista.

As accións, a razón de dúas por mes, estanse a desenvolver nos concellos de Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Ponteareas, Cambados, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda, Meaño e Tui.