Noticias

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" emociona o público de Vilagarcía coa actuación de Dores Tembrás

A poetisa recitou a súa obra "Versos a clareo" traballando co concepto da luz e a visibilidade e invisibilidade da muller


09 agosto 2017
Mulleres en Acción Violencia Zero

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela Paz, asistiu nesa localidade a unha nova actuación artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", proxecto impulsado polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e pensado para dar visibilidade á loita contra a violencia machista, así como para dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

No acto, que tivo lugar na Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa, Carmela Silva explicou que "este proxecto naceu para que mulleres da cultura do noso país nos axuden a espertar as conciencias de todas as mulleres e todos os homes, e así nos poidamos encher de forza para poñernos todos xuntos enfronte destes terribles asasinatos." Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra recalcou que "a violencia machista é a lacra máis terrible que padecemos no noso país. Este ano foron asasinadas 39 mulleres, dúas delas en Galicia. Xa levamos sete máis que o ano pasado a estas alturas de ano. Isto ten que poñernos en alerta, non o podemos consentir."

Foron máis dun centenar de persoas as que acudiron á Casa da Cultura de Vilagarcía para presenciar unha nova intervención artística do proxecto provincial "Mulleres en Acción. Violencia Zero". A protagonista foi a poetisa Dores Tembrás, que recitou a súa obra "Versos a clareo", coa que puxo de relevo o legado que dez mulleres anónimas deixan ás súas predecesoras. Na súa intervención, que parte do poemario Diapositivas a clareo, Dores Tembrás traballou co concepto da luz e a visibilidade e invisibilidade da muller, que a través da luz aparece e desaparece. Trala intervención artística viviuse o momento máis emocionante, cando unha muller do público se achegou á poetisa para dicirlle que unha das súas historias era coma a súa biografía.

A poetisa coruñesa Dores Tembrás, que publicou o seu primeiro poemario en 2009, O pouso do fume, fai xirar a súa obra ao redor do papel da muller na sociedade. Coa súa primeira obra foi finalista do premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

No final do acto, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela Paz, quixo agradecer a Carmela Silva o seu traballo pola igualdade e afirmou que "entre as moitísimas cousas que está a facer este novo goberno da Deputación de Pontevedra, unha das máis destacadas son este tipo de programas de igualdade de xénero. Con proxectos como estes conseguiremos cambiar a sociedade. Por iso quero dar as grazas a Carmela Silva, polo seu compromiso coa igualdade e por traballar para acabar coa lacra da violencia machista."

Ademais, para rematar o acto, Carmela Silva aproveitou para sinalar que "o pacto de Estado recentemente asinado, aínda que eu coma presidenta da Deputación iría máis lonxe, é un importante avance que estará dotado de 1.500 millóns de euros en cinco anos. Aínda así, teño que dicir que non erradicaremos a violencia machista se antes non conseguimos cambiar a sociedade eliminando o machismo e conseguindo unha igualdade real onde todas e todos teñamos as mesmas oportunidades."

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e ten previsto recalar ao longo do ano en 25 concellos de toda a provincia: Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui.

Fotos