Noticias

A Deputación investirá máis de 233.000 euros na mellora da antiga estrada provincial no lugar da Lomba en Arbo

O deputado Uxío Benítez explica que se construirán sendas peonís, renovarase o abastecemento, soterraranse as canalizacións e calmarase o tráfico


06 xuño 2018
Arbo A Lomba

A Deputación de Pontevedra investirá máis de 233.000 euros na mellora da antiga estrada provincial EP-5003 na parroquia de Mourentán, no lugar da Lomba, dentro do municipio de Arbo. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou hoxe que o investimento superará os 233.000 euros e que para facer a actuación a institución provincial e o Concello de Arbo asinarán un convenio de colaboración.

O deputado Benítez destacou que a actuación na estrada provincial foi unha solicitude do alcalde de Arbo que foi estudada e deseñada polo Departamento de Mobilidade. Lembrou que nesta vía se fixera no seu momento unha mellora de trazado na zona, polo que existe un treito da antiga estrada que segue a ser de titularidade provincial aínda que realmente presenta características de núcleo urbano, xa que funciona como acceso a varias vivendas.

Neste treito as redes de servicios están en mal estado ou incluso non existen. A rede de abastecemento está deteriorada, o que produce roturas na propia estrada, e a rede de fecais e pluviais é inexistente, ademais de que as canalizacións de alumeado, rede eléctrica e telecomunicacións aínda son aéreas.

O novo proxecto inclúe a renovación da pavimentación e a dotación de servizos, creando novas sendas peonís dun largo mínimo de 2,5 metros. Ademais, renovarase un treito da rede de abastecemento e instalarase a nova rede na zona na que non hai, executarase unha rede separativa e colocarase un novo pozo de bombeo para conectala coa da EP-5003. Tamén se soterrarán as canalizacións de telecomunicacións e enerxía eléctrica e instalaranse novas luminarias tipo led.

Segundo lembrou Benítez, un dos obxectivos do novo Goberno da Deputación de Pontevedra é desenvolver unha mobilidade sustentábel que dea prioridade a seguranza e a mobilidade peonil en calquera estrada. Destacou que este proxecto no Concello de Arbo supón unha actuación acorde aos novos criterios para as estradas provinciais: calmado de tráfico e prioridade peonil.