Noticias

Arbo recibe preto de 50.000 euros do Plan Concellos para a mellora de distintos accesos municipais

O grao de adxudicación do Plan Concellos 2018 a Arbo sitúase nun 58.34 %, representando un investimento na vila de 428.562,22 euros


06 xuño 2018
Plan concellos 2018 da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, mediante Resolución presidencial, un novo investimento no Concello de Arbo ao abeiro da liña 1 do Plan de Concellos 2018. Trátase esta vez dunha axuda de 49.773,84 euros para a mellora de accesos aos Doños, Sande, A Ventana, Ladeira-San Cristóbal e Mourentán.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 243.636,61 euros na liña 1 para o financiamento de varios proxectos como a execución da obra "acondicionamento da estrada EP5003 na Lomba, a ampliación da rede de saneamento en Urzal e A Civida, as melloras no entorno da estrada Rocha-Cabeiras e o acondicionamento do recinto das piscinas municipais.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 40.815,45 euros na liña 2 para o gasto corrente en funcionamento de servizos e actividades culturais. E tamén, outros 94.336,32 euros foron destinados á contratación de 16 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan de Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 428.562,22 euros do total destinado a Arbo, isto é, o 58.34 %.