Noticias

Deputación e Concello de Arbo selan o convenio para investir 233.000 euros no acondicionamento da antiga estrada provincial no lugar da Lomba

O Departamento de Mobilidade indicou que a contratación das obras está en marcha, polo que os traballos se iniciarán neste ano


14 xuño 2018
Convenio Arbo

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Arbo formalizaron hoxe o convenio de colaboración para realizar as obras de mellora da estrada provincial EP-5003 no lugar da Lomba, no Concello de Arbo. No acto, no que estiveron presentes a presidenta Carmela Silva e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez xunto co alcalde de Arbo, Horacio Gil, acordouse un investimento de 233.091,59 euros dos que a institución provincial aportará o 70 % e o goberno local o 30 %, así como a posterior transferencia dos treitos de vía reformados ao Concello.

O deputado Uxío Benítez explicou que o proxecto foi unha proposta do Concello motivada pola necesidade de acondicionar dous treitos antigos da estrada que quedaron en desuso logo da construción da variante da vía, e da necesidade a nivel municipal de instalar saneamento e abastecemento de auga.

Benítez destacou que no día de onte o proxecto, que xa ten todas as autorizacións pertinentes, pasou ao Departamento de Contratación provincial, polo que a licitación será inminente. "Como xa se sabe, estamos todas as administracións atascadas coa implantación da nova Lei de Contratación, pero a execución das obras é de tres meses logo da adxudicación polo que agardamos que ao longo deste ano poidamos ter o proxecto realizado ou cando menos iniciado", apuntou o deputado.

O nacionalista quixo destacar tamén que o proxecto do acondicionamento do lugar da Lomba foi redactado polo Concello de Arbo co fin de ser máis áxiles para convertelo nunha realidade. O persoal técnico da Deputación revisouno para que fose acorde aos novos criterios de actuación nas vías provinciais.

As obras, explicou Benítez, consistirán na mellora integral do firme, na creación de dúas sendas peonís de 2,5 metros de largo, na renovación da rede de abastecemento, nunha nova rede de saneamento e un novo bombeo, no soterramento de canalizacións de telefonía e enerxía eléctrica, e nova iluminación led.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que este convenio resposta ao modelo que está a estender a institución provincial polos concellos da provincia. "Falamos dun modelo asentado na seguridade viaria e na recuperación do espazo para as persoas e que, nestes catro anos de mandato, está a transformar a provincia, converténdonos nunha referencia en canto á mobilidade sustentable", manifestou Silva.

Segundo informou a presidenta provincial, "o convenio asinado con Arbo responde perfectamente ao modelo de mobilidade que estamos a estender, no que as persoas están a recuperar espazos e se converten no eixo central da construción do territorio, a través de contornas máis accesibles, máis sustentables e máis eficientes".

Tamén aproveitou Silva para poñer de manifesto que "os concellos pequenos como Arbo precisan moito de todo e, para nós, é un pracer ser un instrumento para conseguir que a veciñanza, viva onde viva, teña os mesmos dereitos e os mesmos servizos".

Agradecemento á colaboración institucional

O alcalde de Arbo Horacio Gil agradeceu a dispoñibilidade e colaboración necesaria da Deputación para levar adiante o proxecto. Resaltou que as obras son unha necesidade para o núcleo da Lomba e que pretenden mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. "Esta é unha vella aspiración, porque é unha zona complexa (ao lado do río Deva e dunha capela e unha carballeira), na que había que dotar de abastecemento e instalar o saneamento e poñer un bombeo para dar servizo a algunhas casas. Había outras solucións máis custosas e complexas, pero con esta solventamos os problemas", recoñeceu Gil.

O alcalde aproveitou a súa visita á Deputación para solicitar tamén outras melloras na rede viaria provincial dentro do municipio. Neste sentido destacou a necesidade de remozar a estrada provincial que vai á estación, onde hai construcións de especial protección arquitectónica e patrimonial. "Alí tamén é preciso renovar o abastecemento e o saneamento porque foran construídos nos anos 70. Xa estamos a traballar na redacción dun proxecto en colaboración e asesoramento co persoal técnico provincial. Formulamos pois que esta colaboración que hoxe se plasma co convenio teña continuidade nesta nova actuación", finalizou.

Audios

  • Audio