Noticias

As mulleres represaliadas terán protagonismo no Mes da Memoria de Nigrán

A mostra "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", organizada pola Deputación, pode visitarse no Auditorio Municipal de Nigrán ata o 7 de novembro


13 outubro 2017
Mostra Rexas

O mes de novembro é o Mes da Memoria para o concello de Nigrán, que utiliza como data clave o día 15 dese mes por ser a xornada na que foron asasinadas 9 persoas, catro delas de Nigrán, na curva de Baredo, tamén coñecida como "a volta dos nove". O programa de actividades organizado polo concello conta, nesta ocasión, coa colaboración da área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, cunha achega a través da mostra "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", que poderá visitarse no Auditorio Municipal ata o vindeiro 7 de novembro. Esta exposición ponlle rostro e nome a 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, por mor da súa condición de mulleres, foron obxecto de vexacións de corte sexista. No acto de apertura da mostra, que tivo lugar esta tarde, estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o alcalde da localidade, Juan González Pérez, e a comisaria da mostra, Montse Fajardo, así como familiares das mulleres represaliadas na comarca, entre as que tomaron a palabra a filla e a neta do matrimonio formado por Carmen Miguel e Anxo Nogueira, asasinados no bou Eva.

Xosé Leal centrou a súa intervención en salientar "a necesidade de nomear e recoñecer tanto ás mulleres que defenderon coa súa vida as liberdades como ás que, no caso de quedar vivas, quedaron marcadas e sinaladas socialmente, e con elas, os seus fillos e as súas fillas". O deputado tamén aproveitou para agradecer o labor realizado por todas "as asociacións, persoas e institucións que traballan pola memoria" e engadiu que "as Administracións debemos ser un altofalante do seu traballo para que se coñezan e se recoñezan as persoas que deron a súa vida pola democracia e pola República". O deputado nacionalista salientou que esta mostra, que neste ano xa percorreu varias comarcas da provincia, está causando un grande impacto e está tendo unha importante demanda por parte doutros concellos que solicitan poder dispoñer dela. Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, lembrou que desde o concello xa se leva dous anos traballando por recoñecer e reparar a memoria das persoas represaliadas. Así, durante o mes de outubro organizan un programa de actos que este ano inclúe esta mostra, que Juan González cualificou como "unha oportunidade para seguir poñendo en valor e seguir recoñecendo as persoas que deron a súa vida por defender a legalidade en 1936, e neste caso concreto as mulleres, que foron unha parte tan importante como os homes, tanto na solidariedade como na resistencia".

A comisaria da exposición, Montse Fajardo, fixo fincapé en que "as mulleres foron asasinadas, exiliadas, depuradas, vexadas, e foron vítimas das mesmas tipoloxías de represión que os homes, pero ademais sufriron unha violencia con claros tintes sexistas e foron rapadas, tatuadas e agredidas sexualmente". A comisaria tamén explicou que a represión tiña aínda unha compoñente máis no caso feminino: "non só sufriron represión polas súas implicacións políticas ou sindicais, senón tamén por estar emparentadas con homes perseguidos". Tamén reivindicou o papel das mulleres que quedaron soas, marcadas como rojas, mentres os seus homes foran asasinados ou permanecían no cárcere.

Mulleres asasinadas na comarca de Vigo e do Val Miñor

A mostra chega a área da provincia que ten maior representación nos paneis, pois a comarca de Vigo e do Val Miñor garda relación con 43 das case duascentas mulleres incluídas en Rexas, existindo veciñas da zona en cada unha das tipoloxías recollidas. As mulleres foron asasinadas, presas, sometidas a castigos de índole sexista e a depuracións laborais, pero aínda así moitas delas amosaron a súa solidariedade, por exemplo, fornecendo de roupa e comida aos presos de San Simón desde Redondela e arredores.

Moitas mulleres do lugar participaran activamente nas barricadas de xullo, e nas de Vigo perderon a vida María Suárez e Dolores García, e en Lavadores Concepción Peréz e Marina Rial, unha nena de tan só once anos. Pero destaca especialmente o número de veciñas que foron asasinadas polos golpistas polo "delito" de prestar axuda aos fuxidos, e delas faise eco a mostra. Dolores Samuelle Álvarez, Perfecta, foi asasinada aos 71 anos en Baiona o 13 de outubro de 1936 xunto aos irmáns Luís e José López Luís, os Ineses, membros da Sociedade Obreira de Sabarís, aos que Perfecta tiña agochados na casa do cego que coidaba. Emilia Cabaleiro Amoedo, labrega de Cabeiro (Redondela), foi asasinada aos 54 anos. Un veciño seguiuna cando ía co seu fillo Antonio levar comida a catro homes de Vigo e Lavadores agochados nunha cova e delatouna. Florentina Fernández Alonso, a Cataplina, tiña 43 anos e estaba embarazada do seu oitavo fillo. Agachou na súa casa de Mos ao seu home, Ángel Matilde. Matilde González e Mercedes Posada daban acubillo a fuxidos nunha cova que comunicaba coa súas casas de Bouciña (Lavadores). Ángela Iglesias Rebollar, a Protestante, veciña de Lavadores de 26 anos, foi asasinada o 11 de abril de 1937 no monte da Guía xunto ao seu home José García Niebla por agochar fuxidos. Tiña dous fillos e estaba embarazada do terceiro. A finais do 36 tamén mataron ás veciñas de Lavadores Mariana do Lazo Estévez, pescantina portuguesa de 44 anos, e Carmen Gómez Domínguez, de 38 anos e nai de dous fillos.

Se hai un nome que permaneza na memoria da represión de Vigo é o de Rosario Hernández Diéguez, A Calesa, socialista de vinte anos asasinada o 3 de setembro de 1936. Tras o golpe agochouse corenta días pero atopárona e estivo detida no Frontón, onde foi rapada, torturada e violada durante horas ata que a asasinaron. Logo mutilaron o seu cadáver e fondeárono xunto ás illas Cíes amarrado a unha prancha de ferro. Segue enterrada na gran foxa común que é a ría de Vigo. Por último, é imposible non lembrar o tráxico suceso do bou Eva no que perdeu a vida Carmen Miguel Agra, comunista viguesa de 24 anos. O 23 de abril de 1937 intentaba fuxir a Francia desde o porto vigués a bordo do bou xunto a outros oito republicanos, entre eles o seu home, Anxo Nogueira. Cando xa estaban na bodega, foron delatados e os fascistas inundaron o espazo con auga fervendo. Para evitar o apresamento e as torturas, suicidáronse. Deixaba dúas nenas pequenas.

A historia de 172 mulleres

En total, a exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas por un varón, a igrexa ou a sección feminina.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesar de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron os mesmos tipos de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.