Noticias

A Deputación espalla na praia de Samil "Experiencias SOStibles" para rachar co emprego dos plásticos e concienciar sobre os seus efectos

Carmela Silva apelou á incidencia dos plásticos na contorna natural e tamén na saúde: "Os plásticos están a facerlle un dano tremendo ao medio ambiente e tamén á nosa saúde, xa que os microplásticos están a pasar á nosa alimentación"


11 xullo 2019
Experiencias SOStibles en Samil

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitaron esta mañá o stand de "Experiencias SOStibles" que a institución provincial ten instalado na Praia de Samil para informar sobre os efectos dos plásticos na contorna e na saúde. Tanto Silva como Caballero incidiron na necesidade de erradicar os plásticos polos seus nocivos efectos e animaron á cidadanía a buscar alternativas para reducir o seu emprego.

Segundo destacou Carmela Silva, esta actuación trátase do segundo ano consecutivo que a promove a Deputación de Pontevedra co obxectivo de "concienciar ao conxunto da cidadanía sobre os efectos do ser humano no medio ambiente". Segundo a presidenta, este ano a campaña céntrase nos plásticos: "temos que recordar que hai cinco illas de plásticos nos océanos e que o 70% dos plásticos se acumulan nos fondos mariños, facéndolle un dano tremendo ao medio ambiente e tamén á nosa saúde, xa que os microplásticos están a pasar á nosa alimentación". Tamén recordou Silva que segundo "os expertos no 2050 vai haber máis plásticos que peixes no mar"

Con "Experiencias SOStibles", tal e como recordou Silva, "estamos concienciando a través da información e da man de expertas e expertos, dándolle consellos á xente para vivir con menos plásticos, informando á veciñanza sobre aqueles que ocasionan máis dano á natureza e á saúde". Xunto á información, tal e como destacou a presidenta, tamén se están a repartir vasos biodegradables, realizados con fécula de millo e pataca, bolsas de tela e imáns con información dos símbolos relativos ao plástico e as súas consecuencias.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo asegurou que "neste momento estamos asistindo a unha especie de maldición como a que a humanidade viviu noutros momentos. Na Idade Media tiñamos pestes e neste momento as pestes que están matando o planeta e o mar chámanse plásticos". Neste eido, Caballero apelou a actuar con contundencia, apostando por envases alternativos "como estes vasos que está a repartir hoxe en Samil a Deputación. Tamén aproveitou o alcalde para destacar o compromiso de Vigo coa sustentabilidade, ben a través das praias libres de tabaco, ben a través do Estadio de Balaídos libre de tabaco, ven a través de Vigo libre de plásticos. Esta última proposta, que segundo o alcalde vai ser unha campaña de concienciación colectiva e amigable en toda a cidade, arrancará ao remate do verán e converterá a Vigo "no exemplo de España e de Europa".

A campaña "Experiencias SOStibles" está a percorrer a provincia de Pontevedra a través dun stand durante este verán para concienciar sobre a contaminación polo uso de plásticos en aliñamento co ODS 13 de "Acción polo Clima". Deste xeito, ao longo do verán levaranse a cabo unha vintena de accións tanto nos Festivais Rías Baixas, como nas praias de maior afluencia, festexos e nas rúas máis transitadas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía. En todos estes lugares e da man de expertas e expertos en concienciación ambiental, daráselle información á cidadanía sobre os efectos dos plásticos na contorna e na saúde, entregaranse imáns informativos, bolsas de tela e ata medio centenar de vasos compostables.

"Experiencias SOStibles" trátase da segunda campaña desenvolvida pola Deputación de Pontevedra no eido medioambiental. O pasado ano, a institución impulsou "Somos historias, somos sostibles" que permitir achegar información de xeito directo a ata 25.000 persoas da provincia.