Noticias

A campaña "Experiencias sostibles" de loita contra os plásticos chega esta semana a Pontevedra, O Grove e Moaña

A iniciativa da Deputación de Pontevedra busca concienciar á poboación sobre os perigos para o medio ambiente e a saúde


21 agosto 2019
Experiencias Sostibles

A campaña de sustentabilidade "Experiencias sostibles", que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo este verán en vilas, eventos, festivais e praias para concienciar sobre a contaminación polo uso de plásticos no medio natural e as consecuencias dos mesmos na saúde das persoas, chega esta semana aos concellos de Pontevedra, O Grove e Moaña.

Así, este xoves, día 22, a institución provincial instalará un posto informativo desde o que repartirá o material desta campaña na praza de España de Pontevedra, desde ás 10 horas ata ás 15 horas. Ao día seguinte, o posto terá como escenario o Náutico do Grove, onde permanecerá operativo desde as 16 ás 21 horas. E, o sábado 24, a Deputación instalará o posto no paseo marítimo de Moaña, desde as 12 ás 17 horas.

A campaña medioambiental está a ser un éxito e xa recalou nos Festivais Rías Baixas e diversos puntos de interese turístico da provincia, onde se repartiu gran parte do material previsto para todo o verán, no que se inclúen folletos turísticos, imáns informativos sobre os riscos para a saúde dos diferentes plásticos (como envases de alimentos, bolsas ou xoguetes), bolsas de tea reutilizables e vasos compostables elaborados a partir de fécula de pataca e fécula de millo, que son biodegradables en tres ou catro días. Ao longo das distintas paradas da campaña, a Deputación de Pontevedra constatou non só a sensibilización cidadán ante esta problemática medioambiental, senón que colectivos de hostaleiros amosáronse tamén moi receptivos á iniciativa e interesados en implicarse na loita contra o plástico. 

Esta é a segunda edición da acción da institución provincial a prol da concienciación da contaminación polo uso de plásticos e de aliñamento cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), en concreto co obxectivo 13 de Acción polo Clima. Na campaña do pasado ano, "Somos historias, somos sostibles", repartíronse ecocabichas fabricadas con cartón ecolóxico e reciclable, e a iniciativa chegou de forma directa a 25.000 persoas.

O obxectivo destas iniciativas é converter á provincia nun destino sostible, reforzando a aposta da Deputación de Pontevedra polo medio ambiente e convertendo a axenda medioambiental e a sustentabilidade en eixos fundamentais deste novo mandato.