Noticias

A Deputación destaca a grande acollida da campaña "Experiencias SOStibles" contra os plásticos que hoxe recalou en Vilagarcía

Os primeiros resultados mostran unha maior sensibilización da cidadanía e os Concellos ante os efectos dos plásticos no medio ambiente e a saúde


18 xullo 2019
Experiencias SOStibles en Vilagarcía

Vilagarcía foi hoxe a sétima parada da campaña medioambiental "Experiencias Sostibles", que a Deputación de Pontevedra está levando a cabo este verán en vilas, eventos, festivais e praias para concienciar sobre a contaminación polo uso de plásticos no medio natural e as consecuencias dos mesmos na saúde das persoas.

As deputadas Iria Lamas e Ana Laura Iglesias e o deputado Santos Héctor visitaron, xunto aos concelleiros Álvaro Carou e Diego García, o stand instalado pola institución provincial na cidade arousá, onde puideron constatar ante o numeroso público que se achegou ao posto a aceptación que está a ter a iniciativa. Deste xeito, a deputada de Medio Ambiente, Iria Lamas, subliñou na súa intervención "a grande acollida da campaña", que xa ten repartido só en seis xornadas máis da metade do material previsto para todo o verán, no que se inclúen ademais dos folletos, imáns informativos sobre os riscos para a saúde dos diferentes plásticos (como envases de alimentos, bolsas ou xoguetes), bolsas de tela reutilizables e vasos compostables elaborados a partir de plantas, e que agora se terán que repoñer cunha nova remesa. Neste senso, a deputada salientou a sensibilización cara este tema amosada desde a cidadanía como tamén desde colectivos e Concellos e que se ve reflectida nos primeiros resultados de "Experiencias Sostibles".

Lamas subliñou tamén que os colectivos de hostaleiros amosáronse moi receptivos á iniciativa e interesados en implicarse na loita contra o plástico. "Dentro da propia campaña se está indo polos locais de hostalería para informar sobre o uso destes vasos", sinalou en referencia aos vasos compostables repartidos na iniciativa, que aínda que semellan ser de plástico están feitos de fécula de pataca e fécula de millo. "Mentres unha palla de plástico tarda cen anos en degradarse, estes vasos son biodegradables en tres ou catro días".

"Experiencias Sostibles" trasladarase este venres, 19 de xullo, ao Festival Vive Nigrán, mentres que estará no Festival Sin Sal de Redondela o día 25 de xullo e, por último neste mes, trasladarase ao Atlantic Fest da Illa de Arousa o día 26. No mes de agosto, a campaña chegará o día 2 ao Sonrías Baixas de Bueu; ao Festival O Marisquiño de Vigo o día 9; ao centro histórico de Tui o día seguinte, 10 de agosto; o día 11 ao Festival Revenidas, en Vilagarcía e á praia Rodeira de Cangas o día 12. A campaña continuará en Vigo o día seguinte, 13 de agosto, (o stand permanecerá en beiramar e a rúa Príncipe), mentres que o día 14 recalará no xardín de entrada do Parador de Baiona, o 22 en Pontevedra (praza de España e A Ferrería), o 23 no Náutico de San Vicente do Grove e, por último, o 28 de agosto estará no paseo marítimo de Moaña.

Esta é a segunda edición da acción da institución provincial a prol da concienciación da contaminación polo uso de plásticos e de aliñamento cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), en concreto co obxectivo 13 de Acción polo Clima. Neste senso, a campaña do pasado ano, "Somos historias, somos sostibles", na que se repartiron ecocabichas fabricadas con cartón ecolóxico e reciclable, chegou de forma directa a 25.000 persoas. O obxectivo é converter á provincia nun destino sostible, reforzando a aposta da Deputación de Pontevedra polo medio ambiente e convertendo a axenda medioambiental e a sustentabilidade en eixos fundamentais desta nova lexislatura.