Noticias

A Deputación de Pontevedra e o Concello das Neves colaborarán ao longo da lexislatura en diversos proxectos

Carmela Silva visitou hoxe a localidade do Condado, na que mantivo un encontro co seu alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, e o tenente de alcalde, Eduardo Mariño


06 abr 2016
As Neves

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou hoxe o Concello das Neves, onde mantivo un encontro co alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, e o seu tenente de alcalde, Eduardo Mariño, no que analizaron conxuntamente as necesidades do municipio e as posibles colaboracións.

De feito, o alcalde demandou da presidenta que ao longo desta lexislatura se poidan abordar diversos proxectos necesarios para o Concello, coma o do pavillón municipal, entre outros.

Nun tono moi cordial, tras percorrer e saudar a todos os funcionarios do Concello, ambos os mandatarios mantiveron unha xuntanza, na que coincidiron en impulsar proxectos que garantan a mellor calidade de vida dos veciños e as veciñas das Neves.

De feito, a Deputación de Pontevedra concedeu, dentro do Plan Concellos 2016, a cantidade de 527.156 euros, o que representa un 33 % máis da cantidade que o Concello das Neves recibiu ao longo de 2015. Nestes primeiros cen días deste ano, da cantidade total do Plan Concellos 2016 ao Concello de As Neves xa se lle adxudicou o 23 %. O primeiro dos investimentos aprobados foron  114.463 euros para o Plan de emprego, que permitiu a contratación de 19 traballadores para reforzar os servizos municipais.

As principais obras que o Concello das Neves vai a realizar ao longo deste ano, con cargo aos fondos da Deputación, van ser obras para as áreas de reciclaxe; conservación e restauración de varias edificacións municipais; reparación da pista Rodeiro-San Xosé de Ribarteme; reparación da estrada de Penlas; melloras de eficiencia enerxética; ampliación e melloras no abastecemento de auga; melloras nos camiños de Cobalagarto e Pozas; un parque infantil na praza do Concello; e obras no arroio de Lobeiras e Taboexas, entre outras.