Noticias

O deputado Santos Héctor visita obras realizadas nas Neves ao abeiro do Plan Concellos 2016

O deputado provincial lembrou que o investimento do plan este ano 2017 na vila se sitúa en máis de 530.000 €, un 1 % máis que o ano anterior


07 marzo 2017
Visita As Neves

O deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez, acompañado polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, e membros da corporación municipal, visitou esta mañá nas Neves algunhas das actuacións desenvolvidas na vila no marco do Plan Concellos 2016, entre as que se atopa a reparación dun camiño entre Rodeiro e San Xosé de Ribarteme. En concreto, esta reforma supuxo un investimento de preto de 30.000 € aos que hai que engadir outras achegas destinadas á construción de muros, pavimentación e mellora de camiños municipais, mellora da eficiencia enerxética e seguridade na iluminación pública, execución de áreas de reciclaxe, abastecemento de auga, actuacións en parques infantís, conservación e restauración de edificios municipais, actividades de promoción do deporte, cultura e turismo, así como á creación de nove postos de traballo nos servizos municipais.

Rodríguez subliñou que "as achegas da Deputación para a reparación da pista entre Rodeiro e San Xosé de Ribarteme permitiron levar a cabo tarefas de limpeza, así como de reparación de danos e execución dunha nova cuneta, formación de terraplén e arquetas, mellora do firme e nova capa de rodadura para poñer en condicións a infraestrutura para a veciñanza destes núcleos rurais". Ademais, o deputado provincial lembrou que o Plan Concellos 2016 destinou ás Neves 527.000 €, case un 48 % máis de achegas que en 2015.

O deputado tamén recordou que "durante o ano 2016 o Goberno provincial de Carmela Silva fixo un investimento total de preto de 850.000 € na vila das Neves, facendo que os veciños e as veciñas deste concello poidan ter unha mellor calidade de vida" e reiterou que "seguiremos apostando polos concellos, que son os que máis necesitan a actuación directa da Deputación de Pontevedra".