Noticias

As Neves acolle a exposición da Deputación "De Pontevedra a Río 2016" en homenaxe ás e aos deportistas da provincia que participaron nos últimos Xogos

A mostra foi inaugurada hoxe pola deputada Chelo Besada e permanecerá aberta ata o día 12 de febreiro no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé da vila


02 febreiro 2017
Apertura Expo Olímpicos As Neves

O CEIP Marquesa do Pazo da Mercé das Neves acolle, desde hoxe xoves, "De Pontevedra a Río 2016", a exposición fotográfica da Deputación de Pontevedra coa que a institución provincial quere renderlles homenaxe ás e aos deportistas da provincia que participaron na última edición tanto dos Xogos Olímpicos coma dos Xogos Parolímpicos. A mostra foi inaugurada pola deputada de Deportes, Chelo Besada, e permanecerá no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé ata o 12 de febreiro.

Chelo Besada asegurou na inauguración que "para a Deputación de Pontevedra a exposición era unha obriga" para recoñecer "o traballo de tantos anos deste conxunto de deportistas que acudiron a Río". Segundo subliñou, "non queremos que tras o paso dos Xogos Olímpicos e Parolímpicos o nome destes homes e destas mulleres quede no esquecemento, senón que todas as pontevedresas e todos os pontevedreses os recorden".

Tal como explicou a deputada provincial, "o recoñecemento do esforzo deste colectivo ten que ser moito máis que acadar medallas ou diplomas olímpicos, de xeito que temos que ser conscientes do traballo e dos valores que representan, do grande esforzo e da importancia que supón chegar simplemente a participar nestes Xogos".

Esta mostra itinerante comezou a súa xira no Pazo provincial o pasado mes de outubro e continúa a percorrer diversas localidades da provincia. Nas Neves permanecerá aberta desde hoxe xoves 2 de febreiro ata o 12 de febreiro; o horario de apertura será os luns e venres, entre 9:15 e 14:00 horas, e os martes, mércores e xoves, de 9:15 a 16:30 horas.

A exposición recolle o palmarés das e dos 16 deportistas olímpicos e parolímpicos da provincia de Pontevedra en paneis individuais, nos que se poden ver as súas traxectorias. Os 16 de "Río 2016" son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabey Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Marín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.