Noticias

A Deputación destina máis de 16 millóns de euros a políticas de igualdade, cohesión social e xuventude

A Deputación destina preto de 800.000 euros ao desenvolvemento de políticas activas en materia de igualdade


29 nov 2015

As políticas en materia de igualdade, cohesión social e xuventude son prioritarias para a Deputación de Pontevedra. Se ben o anterior goberno centraba as súas políticas sociais unicamente no Centro Príncipe Felipe, o novo goberno da institución provincial creou o Servizo de Igualdade e o de Cohesión Social e Xuventude coa finalidade de impulsar actuacións nestas materias que contribúan ao progreso da provincia de Pontevedra.

O novo goberno da Deputación de Pontevedra destinará, polo tanto, preto de 800.000 euros ao Servizo de Igualdade, anteriormente inexistente. A través deste departamento a institución provincial porá en marcha políticas en materia de igualdade que sirvan como marco de referencia para a súa aplicación na Administración local provincial. Terá, polo tanto, funcións interdepartamentais, na propia Deputación de Pontevedra, pero tamén interinstitucionais, de ámbito provincial.

Fronte á política da Xunta de Galicia, que está acernando os recursos dedicados á igualdade, ou  do Goberno central, que desde 2011 acumula un recorte do 37 % en políticas de igualdade, ao que hai que sumar o recorte do 17 % sufrido, nesta lexislatura, no orzamento destinado á loita contra a violencia de xénero, a Deputación de Pontevedra crea un servizo propio en materia de igualdade, inexistente ata o momento, ao que dota de preto de 800.000 €.

A maiores, a institución provincial destina máis de 5 millóns de euros ao Servizo de Cohesión Social e Xuventude, que centrará a súa actuación no impulso dos servizos sociais municipais e na aposta pola xuventude. Neste contexto destinaranse case 3 millóns de euros á prestación de servizos comunitarios básicos nos concellos coa finalidade de garantir a atención das necesidades sociais de toda a poboación, previr a desigualdade entre a cidadanía así como favorecer a participación e o libre desenvolvemento das persoas.

En canto á xuventude a Deputación de Pontevedra destinará máis dun millón de euros a este sector da poboación, o futuro da nosa sociedade, que na actualidade é vítima da situación precaria do noso país. Para iso a institución provincial está a escoitar as súas necesidades coa finalidade de impulsar medidas e actuacións que sexan do seu interese.

Ademais, o novo goberno da Deputación de Pontevedra destinará un millón de euros aos colectivos sociais e entidades de iniciativa social da provincia, repartidos de xeito xusto e igualitario, e investirá 10,4 millóns de euros no funcionamento do Centro Príncipe Felipe.