Noticias

O Goberno de Carmela Silva anima o persoal funcionario a participar no programa do Fondo Galego de Cooperación Internacional "Vacacións con traballo"

O programa está dirixido ás persoas traballadoras das administracións para colaborar en proxectos de cooperación nas súas vacacións. O prazo para inscribirse remata o 10 de maio


27 abril 2017
Fondo galego de cooperación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou hoxe o programa "Vacacións con traballo" do Fondo Galego de Cooperación nun acto no que tamén estiveron presentes o presidente do Fondo, Juan Antonio González Pérez, a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e a concelleira de Benestar do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces. Así mesmo, tamén participou na presentación a técnica da biblioteca de Redondela, María José Villar, que contou a súa experiencia persoal en Cabo Verde como participante no programa na edición de 2016.

A través desta iniciativa persoas funcionarias e traballadoras da administración pública teñen a oportunidade de pasar este ano as súas vacacións en Mozambique como técnicas ou técnicos especialistas dentro do programa do Fondo Galego de Cooperación, de xeito que poden intercambiar coñecementos, prestar o seu apoio en futuros proxectos de cooperación, dar respostas técnicas e promover un maior e mellor coñecemento da realidade destes países.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, animou a todas e todos os traballadores da administración pública a participar nesta iniciativa apelando ao "enorme valor que estas e estes poden achegar como especialistas nas súas diferentes áreas de traballo" a este proxecto.

Así mesmo puxo de manifesto "a responsabilidade que teñen as administracións na construción dun mundo mellor e máis xusto", un compromiso que se materializa en programas como "Vacacións con traballo" pero tamén na incorporación dos entes públicos no Fondo Galego de Cooperación, do que xa forman parte 90 concellos de Galicia (20 de Pontevedra) ademais das deputacións da Coruña e Lugo, e ao que se reincorporou a Deputación de Pontevedra recentemente.

A técnica da biblioteca de Redondela, María José Villar, que o ano pasado colaborou cun proxecto en Cabo Verde, sinalou que se trata dunha experiencia que lle permitiu "coñecer a realidade daquel país cunha perspectiva que vai máis alá do da meramente turística" e que tivo a oportunidade de ver de preto como se desenvolve o seu traballo noutro lugar con menos medios.

Este ano o país de destino será Mozambique e os perfís solicitados desde o Fondo de Cooperación para participar no programa son o dunha traballadora ou traballador social para a Fundación Encontro, ONG que traballa nas comunidades de Boane e Naamacha en cuestións relacionadas co desenvolvemento da saúde e a educación; e por outra parte unha técnica ou técnico en igualdade de xénero que traballará coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos nun proxecto a prol da promoción e introdución das mulleres na política municipal.

O prazo para inscribirse remata o vindeiro 10 de maio. As persoas interesadas deberán enviar a ficha de solicitude que poden atopar na páxina web do Fondo Galego de Cooperación ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org, xunto co seu currículo, unha carta de motivación, e mais un escrito de apoio ou consentimento asinado pola política ou político que exerza a representación do Fondo Galego no correspondente concello ou deputación. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e mais o dominio do galego e do portugués. O programa cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención da viaxe.

"Vacacións con traballo" leva funcionando desde o ano 2005 e ata o momento participaron no programa 40 persoas que durante o seu mes de vacacións estiveron a traballar en países nos que o Fondo Galego ten presenza estratéxica. Noutros anos participaron técnicas/os da Deputación de Pontevedra e técnicas/os municipais da provincia, en concreto, de concellos como Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, A Estrada ou Redondela.


Novas relacionadas

Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

29 nov 2015, juventud, igualdad, igualdade, orzamentos, xuventude, cohesión social