Noticias

A Deputación publica a lista dos 3.951 nenos admitidos nos campamentos da Lanzada e nos polideportivos de Príncipe Felipe


15 mai 2015

A Deputación de Pontevedra publicou hoxe, na súa páxina web, a lista individualizada dos 3.951 nenos admitidos nos campamentos de verán da Lanzada e nos polideportivos de Príncipe Felipe.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, informou, na Xunta de Goberno desta mañá, que unicamente se excluíron 51 nenos por presentar a documentación fóra de prazo, non ter a idade requirida, presentar datos contraditorios, falta de documentación ou renuncia dos pais.

Segundo explicou, para os campamentos da Lanzada presentáronse 3.360 solicitudes, das que se admitiron 3.320 e se excluíron 40. En 2014 foron 3.199 as solicitudes presentadas, 121 menos que en 2015.

Como os campamentos da Lanzada ofrecen 2.200 plazas, o vindeiro 29 de maio terá lugar o sorteo para fixar as quendas e seleccionar os participantes definitivos.

Para os campamentos polideportivos do Centro Príncipe Felipe recibíronse 591 solicitudes, das que se admitiron 580 e se excluíron 11. O ano pasado presentáronse 534 (este ano foron 57 máis). Pola súa banda, os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe ofertan 300 prazas.

Para os campamentos da Lanzada convócanse 2.200 prazas distribuídas en 11 quendas, do 21 de xuño ó 5 de setembro. Neles os participantes desenvolverán diversas actividades coma xogos e deportes, actividades na praia, ó aire libre, relacionadas coa natureza e medio ambiente, artísticas, de teatro e contacontos, de baile, e outras actividades culturais.

Nestes campamentos poderán participar os nenos residentes na provincia nacidos entre 2002 e 2007. O prezo será de 83,60 euros por neno.

As prazas adxudicaranse por sorteo o vindeiro 29 de maio. Reservaranse 30 prazas para os nenos do Centro Príncipe Felipe e terán prioridade os que non asistiron o ano pasado.

Os campamentos da Lanzada pasaron de contar con prazas para 400 nenos de concellos do interior en 2003 ás 2.200 que agora se ofertan para todos os concellos, de costa e de interior. As prazas asignadas a cada concello establécense en función da súa poboación e oscilan entre as 10 prazas de Dozón e as 300 de Vigo.