Noticias

A Deputación de Pontevedra presenta o seu modelo de mobilidade no Congreso Iberoamericano de Seguranza Viaria de Perú

A institución provincial e a DXT serán as dúas únicas administracións do Estado español presentes na cita internacional, que pretende atopar solucións para reducir a violencia viaria


05 outubro 2018
Carmela Silva e César Mosquera

A Deputación de Pontevedra, da man da presidenta Carmela Silva e do deputado de Mobilidade Uxío Benítez, participará os vindeiros 16,17 e 18 de outubro no VI Congreso Ibero-Americano de Seguranza Viaria (CISEV) que se celebrará en Lima (Perú) como unha das administracións máis avanzadas do mundo en políticas de seguranza viaria.

A participación da Deputación no CISEV débese ao interese da Asociación Española da Estrada, membro fundador do Instituto Viario Ibero-Americano (IVIA) e encargada de coordinar a participación de España no VI CISEV. Esta entidade é coñecedora do traballo que está a realizar a Deputación de Pontevedra en materia de seguranza viaria e decidiu convidar expresamente á institución para divulgar a súa política de Mobilidade cara ás entidades, administracións e institucións que estarán presentes en Lima, contribuíndo así ao obxectivo de procurar solucións consensuadas para facer estradas máis seguras en todo o ámbito de actuación do IVIA.

Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, encargado hoxe de anunciar a participación pontevedresa en Perú, a presenza da Deputación será "moi relevante": a presidenta Carmela Silva participará na primeira xornada do congreso, nunha mesa redonda dentro do panel ‘Visión Cero, un obxectivo para o novo decenio', xunto a representantes de diferentes ministerios do Goberno do Perú, Arxentina, Colombia, Chile, Panamá e o Banco Mundial, ademais da Dirección Xeral de Tráfico.

A quenda do deputado de Mobilidade Uxío Benítez chegará o mércores 17, dentro da sesión ‘Políticas públicas de seguranza viaria', onde disporá de tempo para explicar o modelo da Deputación a través da ‘Estratexia de Mobilidade 3.0' e para proxectar un vídeo sobre as actuacións na provincia de Pontevedra vistas a través dos ollos de persoal técnico e de diferentes representantes de sectores da sociedade local.

Mosquera destacou o seu orgullo polo feito de que o traballo desenvolvido pola Deputación, a pesar de só levar en marcha tres anos, teña un recoñecemento internacional coma este. O nacionalista incidiu en que o congreso buscará solucións para un problema mundial, a violencia viaria, que é a causa de morte evitable máis alta que existe, e lembrou que o número de mortos en Galiza rolda os 3,7 por cada 100.000 habitantes, mentres que en Sudamérica as cifras son moito máis altas, acadando os 30 0u 40 por 100.000 habitantes. 

"Agardamos que os esforzos humildes e claros que estamos a facer sirvan para abrir unha fenda. O que recibimos con este convite non só é un recoñecemento e prestixio por facelo ben, senón que agardamos que sirva de arrastre e simbiose para aplicar solucións no ámbito público, pero tamén dentro do sector privado, entre as e os profesionais técnicos e as consultoras", expuxo o nacionalista.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, pola súa parte, tamén amosou a súa satisfacción pola presenza da institución provincial nun dos congresos máis importantes sobre mobilidade do mundo. Neste eido, Carmela Silva destacou que a Deputación de Pontevedra, xunto á Dirección Xeral de Tráfico, serán as dúas únicas administracións do Estado español que participarán no congreso de Perú, o que "amosa a posición pioneira da Deputación de Pontevedra e que o modelo de mobilidade a través do cal estamos a transformar a provincia é un dos mellores que se están a impulsar no mundo".

Tamén tivo palabras Silva para agradecer o esforzo que están a desenvolver tanto o vicepresidente César Mosquera como o deputado de Mobilidade Uxío Benítez. "Están a converter a esta administración nun referente en todo o que ten que ver coa mobilidade, accesibilidade, seguranza e construción de contornas urbanas do século XXI", asegurou a presidenta.

A VI edición do CISEV centrarase na análise de solucións e o debate construtivo para conseguir estradas e cidades máis seguras e máis sustentables en todos os países. O obxectivo de fondo é axudar a reducir a sinistralidade no ámbito urbano, un propósito que se enmarca dentro das prioridades do Decenio de Acción para a Seguridade Viaria 2011-2020. Ademais, hai outro grande reto: expor metas para a próxima Década de Acción da ONU -ante a proximidade do horizonte temporal 2020- e seguir insistindo na importancia de que as estratexias de mellora da seguranza viaria se incorporen ás grandes políticas de estado dos países da rexión.

 

Vídeos