Noticias

Fernando Verdaguer: "Pontevedra formulou un cambio copernicano: poñer primeiro á e ao cidadá fronte ao vehículo"

O conselleiro do Plan Urbano de Bos Aires subliña que a capital arxentina debería seguir o mesmo principio que a vila do Lérez para converterse nunha cidade máis amable e humana


27 febreiro 2019
Visita comitiva arxentina

O conselleiro do Plan Urbano de Bos Aires e profesor da Universidade de Belgrano (Arxentina), Fernando Verdaguer cualificou hoxe de "cambio copernicano" a modificación realizada pola Deputación e o Concello de Pontevedra nas prioridades de mobilidade da provincia e a súa capital, poñendo primeiro ás e ós cidadáns fronte aos vehículos privados nos proxectos para modificar o espazo urbano. Verdaguer indicou tamén que o ‘modelo Pontevedra' debería extrapolarse á capital bonaerense no seu principio fundamental co fin de conseguir unha cidade máis amable e máis humana.

O seu interese en visitar Pontevedra en persoa, segundo explicou Verdaguer, viña de tempo atrás polas referencias do traballo que se estaba a facer en materia de mobilidade. "Pontevedra, paradoxicamente, é un exemplo mundial", asegurou, "isto de poñer á e ao cidadán, á e ao peón, no máximo nivel nunha cidade parece raro no mundo, e suscitábanos moita inquietude coñecer de primeira man como é que foi posible e como o realizaron. Había moito interese por parte dos alumnos de ver como alguén ten transformado unha cidade así".

O profesor salientou-despois de manter un encontro co vicepresidente Mosquera e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez- que é preciso non só ter capacidade técnica para levar adiante cambios transcendentes, senón tamén "políticos valentes", xa que ao seu entender "hai que ter a decisión política, as prioridades claras, e despois un equipo técnico que sexa quen de desenvolvelo. Esa é a diferencia do cambio".

"Estamos a finalizar a década de seguridade viaria establecida polas Nacións Unidas e todos os países están moi lonxe de acadar os obxectivos, pero Pontevedra fíxoo… E como o fixo? Pois con determinación política, con técnicos e plasmando a realidade. Creo que ese é o motivo polo que estamos aquí. Queremos aprender. Non copiar as solucións. Queremos ver exemplos de éxito. E queremos poder darlle bos exemplos ás e aos estudantes de Arquitectura, xa que ás veces custa encontrar cidades para referir aos alumnos", subliñou.

En canto á posibilidade de extrapolar o modelo Pontevedra a Bos Aires, Verdaguer destacou que algunhas das decisións aplicadas en Pontevedra poden ser trasladadas e outras non, tendo coidado de non levar as cousas de maneira exacta. Subliñou que a solución de Bos Aires debe ser diferente á de Pontevedra por cuestións obvias, pero destacou que debería que ter o mesmo principio, que a e o cidadá é o prioritario na atención do municipio e dos planos de urbanización. "Ese é o gran cambio copernicano que formulou Pontevedra: poñer primeiro á e ao cidadá fronte ao vehículo. E levárono a cabo, e saíulles ben… Iso é o que temos que vir a ver… a aprender dos que lles foi ben", dixo. De feito, preguntouse "quen é o propietario dunha cidade, o vehículo ou o peón?", para sinalar que a partir de poñer sobre todos os valores á e ao peón por riba do vehículo pódese deseñar "unha cidade diferente, unha cidade moito máis amable e moito máis humana".

Fernando Verdaguer e a comitiva de trinta estudantes da Facultade de Arquitectura de Belgrano asistiron na Deputación de Pontevedra aos relatorios do asesor de Mobilidade Jesús Fole, así como ás palabras do deputado de Mobilidade Uxío Benítez e César Mosquera, nunha xornada de traballo que se prolongou moito máis do previsto dado o grande interese e o número de preguntas que formularon os estudantes arxentinos.

O vicepresidente explicou ás e aos universitarios que é preciso solucionar os problemas de cada cidade antes que os problemas de tráfico, creando espazos públicos de convivencia antes que dando solución aos problemas de mobilidade dos vehículos: "Temos que dar prioridade á cidade que queremos, que permita á veciñanza vivir mellor, e despois solucionar o demais, xa que o tráfico en si nunca ten solución definitiva", explicou.

Pola súa banda, e na mesma liña, o deputado Benítez salientou que todos os destinatarios dos actuais proxectos de mellora do espazo público da Deputación son as veciñas e os veciños: "as estradas provinciais, nun territorio tan disperso como o das Rías Baixas, temos que entendelas como as rúas do noso territorio, e polo tanto, as estradas teñen que adaptarse ás vilas e non as vilas ás estradas. Os proxectos que poñemos en marcha redáctanse sempre seguindo os valores das persoas primeiro, e non para que os coches poidan chegar máis rápido", insistiu.

Tamén o propio Jesús Fole afondou neste aspecto, asegurando que a forma na que se constrúen as cidades ten unha grande influencia no comportamento da cidadanía, por iso defendeu que os plans urbanísticos e os plans de mobilidade deberían ser unha mesma cousa.

Unha vez rematada a xornada na Deputación Provincial o grupo arxentino –ao que tamén se uniron estudantes da Facultade de Xeografía de Santiago de Compostela- trasladouse ao Concello de Pontevedra onde estaba prevista unha charla técnica a cargo de persoal municipal do Servizo de Urbanismo e da Policía Local. Tamén se realizou unha visita á cidade despois da comida.

Fotos