Noticias

A Deputación de Pontevedra pon en marcha as visitas guiadas aos xardíns do castelo de Soutomaior centradas na camelia

Coincidindo coa etapa de floración desta flor de inverno, as rutas estenderanse durante os meses de febreiro e marzo


02 febreiro 2020
Camelia no castelo de Soutomaior

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que a partir do próximo martes, 4 de febreiro, arrancan as visitas guiadas aos xardíns do castelo de Soutomaior centradas na camelia. Aproveitando a etapa de floración desta flor de inverno, a iniciativa estenderase durante os meses de febreiro e marzo.

Deste xeito, unha persoa especializada encargarase de guiar ás persoas asistentes polos xardíns, declarados de Excelencia Internacional en Camelia, explicándolle as características da flor, amosando as variedades máis representativas, a súa orixe, historia, os usos e coidados que require a vida da planta.

En concreto, haberá dúas modalidades de rutas: as visitas guiadas temáticas solo a xardíns celebraranse os martes e xoves ás 12 horas, e as sesións que inclúen o castelo e os xardíns tamén se levarán os martes e xoves pero ás 16 horas. As persoas interesadas en participar poderán adquirir as entradas tanto de forma presencial coma na páxina web https://entradas.castelodesoutomaior.com/.