Noticias

Carmela Silva anuncia varias xornadas de portas abertas para gozar en maio da "espléndida musealización" do castelo de Soutomaior

A presidenta da Deputación emocionada "polo resultado da musealización e por ter sido este Goberno o que sacara ao castelo dun uso partidario para convertelo no símbolo do turismo na provincia"


02 maio 2018
Visita á nova musealización do Castelo de Soutomaior

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e á deputada da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Eva Vilaverde, visitaron esta mañá a nova musealización do castelo de Soutomaior coa compañía de xornalistas e turoperadores da provincia. Silva, que anunciou xornadas de portas abertas para gozar durante este mes da actuación realizada, amosouse emocionada polo resultado e por "sacar ao castelo dun uso partidario para convertelo no símbolo do turismo na provincia".

A musealización do castelo de Soutomaior, que será inaugurada o 11 de maio "un evento no que haberá sorpresas moi relevantes", vai permitir, en palabras de Silva, "coñecer o noso territorio e a nosa historia, porque nas pedras deste castelo está escrita a historia de Galicia e, desde o 13 de maio, poderémola ver grazas ao proxecto de musealización que impulsamos". Deste xeito, ademais de paneis ilustrativos e informativos, a actuación aposta polas "tecnoloxías máis avanzadas, con caixas máxicas, vídeos divertidos e amenos e un mapping sorprendente", asegurou.

A presidenta da Deputación, que percorreu as distintas salas e espazos do castelo dotadas de novos elementos interactivos, informou que este mesmo mes de maio sairán xa á venda as entradas para o castelo e que haberá entradas gratuítas ou con importantes descontos para persoas maiores, desempregadas, estudantes ou persoas con diversidade funcional.

O novo Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de acometer un paso decisivo no seu proxecto de apertura do castelo de Soutomaior, no que ata agora xa se investiron máis de 2 millóns de euros, que chegarán a catro millóns cando remate a lexislatura. "Antes tiñamos unha xoia escondida nun xoieiro e agora puxémola á vista, para que toda a cidadanía poida gozar dela", asegurou a presidenta da institución en referencia á reformulación do recinto histórico impulsada polo Goberno provincial. Neste eido, desde o ano 2015 impulsouse un Plan de usos para o castelo que determinou a orientación do Ben de Interese Cultural cara ao turismo familiar. Deste xeito, realizáronse actuacións nos exteriores do castelo do Soutomaior que veñen de completarse coa musealización do recinto que, desde o día 13 de maio estará aberta ao público.

A presidenta da Deputación destacou que a musealización do castelo do Soutomaior "marca un novo fito". Neste eido, Silva amosou a súa satisfacción por acadar "que teña sido este Goberno o que sacara ao castelo dun uso partidario para convertelo no símbolo do turismo na provincia de Pontevedra. Eu creo que é así como se fai provincia. Agora o castelo é noso, eliminamos os actos partidarios, deixou de ser do Partido Popular, e agora é un símbolo do orgullo do que fomos, dun pobo cunha historia riquísima que durante antes nos negaron".

Dosier A musealización do castelo de Soutomaior (pdf)

Fotos