Noticias

A Deputación abre o prazo para participar en Muller e poder, a xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals no castelo de Soutomaior

O 3 de abril "xuntaremos a mulleres referentes de todo o Estado" como Laura Freixas, Berta Fernández, Altamira Gonzalo, Montserrat Boix, Desirée Vila e África González


22 marzo 2019
Muller e poder

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou esta mañá a apertura do prazo de inscrición para asistir á xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals que, neste 2019, centrarase en Muller e poder. A actividade, que terá lugar o mércores 3 de abril e para a que é xa posible inscribirse a través da web da Deputación, contará coa presenza de "grandes mulleres a nivel galego e nacional" da talla de Laura Freixas, Berta Fernández, Altamira Gonzalo, Montserrat Boix, Desirée Vila e África González.

Muller e poder ten por obxectivos trasladar "de xeito práctico todo o que significa e implica ser muller en diferentes ámbitos de poder desde a ciencia e a tecnoloxía, a cultura, a empresa, o deporte, os medios de comunicación ou a política", asegurou a presidenta. Deste xeito, tal e como informou Silva, "as conferenciantes achegarán as súas experiencias, sinalando os obstáculos que dificultan o acceso a espazos de decisión e postos de responsabilidade, e reflexionarán sobre novos estilos de liderado onde temos que ter o 50 % do protagonismo".

A xornada da Escola de Igualdade María VInyals terá lugar de mañá e tarde o 3 de abril, comezando coa conferencia "Poderosas e ¿malvadas?" a cargo de Laura Freixas, escritora, columnista de "La Vanguardia" e colaboradora de "El País", así como presidenta de honra da Asociación "Clásicas y Modernas" que falará sobre muller e cultura.

Ás 11.00 a presidenta da Deputación impartirá a conferencia "Mulleres, espazo público e desempeño do poder" onde afondará na posición das mulleres no ámbito público tanto a nivel local, como estatal e internacional. Xa a partir das 12.30 Berta Fernández Rosón, graduada en Dereito e Economía e consultora legal en materia de Asilo e Refuxio, falará en "Mulleres e guerra: redes invisibles de poder" dos roles que xogan as mulleres nos conflitos e post-conflitos, amosando as estratexias e redes que tecen para reconstruír as sociedades bélicas. 

As conferencias da mañá pecharanse con "A igualdade desde a perspectiva xurídica" a cargo da avogada especializada en Dereito de Familia e Comunitario Altamira Gonzalo. Gonzalo é vicepresidenta da asociación de mulleres xuristas Themis, vogal do Instituto Aragonés da Muller e forma parte do Observatorio Aragonés contra a Violencia de Xénero. Foi asesora xurídica do Instituto da Muller e vogal do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero. Tamén foi comparecente no Congreso en materias como o tráfico de mulleres, a Lei de Igualdade, a Lei Orgánica de protección integral contra a violencia de xénero e a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo.

Xa pola tarde, ás 16 horas, Montserrat Boix centrarase no "Poder e comunicación. A axenda pendente". Boix, xornalista en TVE, creadora de "Mujeres en Red" e con innumerables premios pola súa traxectoria e compromiso cos dereitos humanos e coa igualdade, falará sobre poder e comunicación e incidirá na pouca presenza feminina na dirección dos medios. A continuación, Desirée Vila, cualificada por Silva como "un dos exemplos de superación máis admirables", falará da "Muller deportista, muller loitadora", centrándose na súa experiencia persoal como muller deportista de elite e con diversidade funcional e nas desigualdades existentes para acadar premios por méritos deportivos, procurar patrocinios, e cobertura mediática.

A xornada pecharase con África González que impartirá ás 18.00 horas a conferencia "Perseguindo unha meta". González, médica especialista en Inmunoloxía, catedrática na Universidade de Vigo, directora do Centro de Investigacións Biomédicas, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa NanoImmuno Tech (NIT), presentará a súa propia experiencia como profesional no ámbito científico.

O obxectivo de Muller e poder, explicou Silva "é construír un espazo no que compartir experiencias e coñecementos referidos ao exercicio da responsabilidade e toma de decisións, así como a facilitar a posta en común de boas prácticas e modelos na xestión de persoas e equipos, na xestión do poder e na propia autoxestión persoal dende a perspectiva de xénero".

Para participar na xornada, dirixida a persoal da Administración local, persoal dos CIM, persoas que traballan a favor da igualdade e contra as violencias machistas así como mulleres e homes, está xa dispoñible un formulario web en https://www.depo.gal/escola-de-igualdade-maria-vinyals/xornada-muller-e-poder. As prazas cubriranse por orde de inscrición ata completar a capacidade.