Noticias

A Deputación de Pontevedra leva este mércores a Lalín unha nova charla do ciclo Tempo de Saúde

Esta iniciativa froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, achega distintos temas de saúde á xuventude e á terceira idade


13 novembro 2018
Tempo de saúdo

A Deputación de Pontevedra levará este mércores, 14 de novembro, ao Círculo de Recreo de Lalín unha nova charla do ciclo Tempo de Saúde, unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posta en marcha entre a institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos. Son charlas dirixidas a colectivos da terceira idade e a mocidade co obxecto de informalos e asesoralos sobre temáticas do seu interese.

No caso de Lalín, baixo o título "Nutrición e saúde", a conferencia vai encamiñada a mozos e mozas, asociacións xuvenís e veciñanza en xeral interesada no tema. Desenvolverase, a partir das 20:30 horas, no Círculo de Recreo de Lalín e correrá a cargo do doutor Luís Fransi Galiana, que explicaralles aos mozos e ás mozas e a todo o público asistente diversas cuestións relativas á nutrición. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo entre todas e todas. Preténdese que todas as persoas que asistan ás conferencias de Tempo de Saúde aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan e se involucren en temáticas que normalmente lles afectan e polas que se interesan.

Luís Fransi Galiana é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Valencia, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, e diplomado en Sanidade. Na actualidade, exerce de médico de Atención Primaria no Centro de Saúde de Lérez en Pontevedra. Ten ampla experiencia docente e investigadora, así como múltiples relatorios, comunicacións e publicacións en distintos temas de medicina familiar e comunitaria. Entre outros, as enfermidades cardiovasculares na atención primaria, o tabaquismo ou o seguimento dos pacientes con VIH na atención primaria.

Tempo de Saúde é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas a persoas maiores e outras a xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios pontevedreses, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios do verán cando asinaron o convenio de colaboración para a posta en marcha deste programa.

Ao igual que en Lalín, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á poboación nova, centradas sobre todo nas temáticas de nutrición, trastornos alimentarios e enfermidades de transmisión sexual. En canto á xente maior, as conferencias centraranse na hospitalización a domicilio e nos trastornos depresivos e de ansiedade. Ademais, como peche deste ciclo de Tempo de Saúde, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.