Noticias

A Deputación de Pontevedra leva este xoves ata A Illa de Arousa unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde"

Este ciclo de conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, achega distintos temas de saúde á xuventude e ás persoas maiores


24 outubro 2018
Tempo de Saúde

A Deputación de Pontevedra levará este xoves ata o salón de plenos do Concello da Illa de Arousa unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde", unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde postos en marcha entre a institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos. A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acudirá a partir das 19 horas á conferencia que impartirá o doutor David Fachal Vázquez e na que falará sobre trastornos depresivos e ansiedade ás persoas que se acheguen, á veciñanza e ás asociacións de maiores participantes.

"Tempo de saúde" é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios da provincia, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para este programa.

Na Illa de Arousa, o doutor David Fachal Vázquez explicaralles aos e ás maiores que asistan diversas cuestións relativas aos trastornos depresivos e á ansiedade. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de "Tempo de saúde" aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan.

Fachal Vázquez, licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente é especialista de Área na Unidade de Saúde Mental Lérez da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés. Cunha experiencia profesional centrada na saúde mental, leva máis de sete anos combinando a súa profesión, con publicacións, cursos e congresos.

Ao igual que na Illa de Arousa, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á terceira idade, centradas sobre todo nas temáticas de trastornos depresivos, ansiedade e hospitalización a domicilio. En canto á poboación máis nova, as conferencias centraranse na nutrición e a saúde e nas enfermidades de transmisión sexual. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.