Noticias

A Deputación de Pontevedra leva este mércores ata Ponteareas unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde"

Trátase dun ciclo de conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, para achegar distintos temas de saúde á xuventude e ás persoas maiores


23 outubro 2018
Tempo de Saúde

A Deputación de Pontevedra levará este mércores ata a sala multiusos do Auditorio de Ponteareas unha nova charla do ciclo "Tempo de saúde", unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde postos en marcha entre a institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos. A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acudirá a partir das 19:00 horas á conferencia que impartirá o doutor Luis Amador Barciela e na que falará sobre a hospitalización a domicilio e telemedicina ás persoas que se acheguen e ás asociacións de maiores participantes.

"Tempo de saúde" é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude. Estase desenvolvendo de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios da provincia, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e o presidente do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para este programa.

En Ponteareas, o doutor Luis Amador Barciela explicaralles aos e ás maiores que asistan diversas cuestións relativas á hospitalización a domicilio e á telemedicina. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de "Tempo de saúde" aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan.

Amador Barciela é coordinador de Hospitalización a Domicilio (HADO) , de transplantes e de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro (C.H.U.V.I.). Cunha experiencia profesional de máis de 30 anos, Luis Amador tamén participou en diversos relatorios, investigacións, e publicacións, tanto nacionais como estranxeiras. Ademais, é Tutor Clínico pola Universidade de Santiago de Compostela, dentro da especialidade de Urxencia para alumnos de la Licenciatura en Medicina.

Ao igual que en Ponteareas, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á terceira idade, centradas sobre todo nas temáticas de trastornos depresivos, ansiedade e hospitalización a domicilio. En canto á poboación máis nova, as conferencias centraranse na nutrición e saúde e nas enfermidades de transmisión sexual. Ademais, dentro desta iniciativa, tamén se van realizar dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.