Noticias

A Deputación de Pontevedra investiu case tres millóns de euros no concello da Estrada no ano 2016

Só no referido ao Plan Concellos, o Goberno provincial de Carmela Silva investiu máis de millón e medio de euros no municipio, un 50,7 % máis respecto a 2015


14 xaneiro 2017
A Estrada

Ao longo de 2016 a Deputación de Pontevedra investiu na Estrada 2.774.838,27 euros. En liñas xerais, desta contía, 1.736.993,70 € correspondéronse co Plan Concellos 2016, 584.384,54 € máis que o ano anterior, o que supuxo un crecemento do 50,70 % con respecto a 2015. Ademais, a institución provincial investiu na Estrada 166.789,32 € en mobilidade, 109.051,68 € en emprego, 77.436,05 € en cultura e lingua, 35.762,12 € en cohesión social e xuventude, 34.762 € en deportes, 29.348,55 € en igualdade e 18.600 € en medio ambiente.

En concreto, A Estrada investiu 1.373.232,64 € da liña 1 do Plan Concellos na adquisición de 150 colectores de RSU de 2200L para recollida lateral, na compra de dous camións equipados para a recollida de lixo, en diversas obras e servizos, na rede de abastecemento na avenida de Vigo e de Benito Vigo, na pavimentación de vías na zona urbana e na reposición dos servizos na rúa Fermín Bouza Brei. Tamén destinou, a través da liña 3, 65.137,26 € para o VII Campus Deportivo de Verán; para o torneo de 3 x 3 e de tenis das Festas de San Paio; para as marchas cicloturísticas da Rapa das Bestas e da Festa do Salmón, así como para as Festas da Bicicleta; para o circuíto de carreiras e o teleclub da comedia; para a Festa Cabalar de Pascua e San Martiño; para o Año ao Espeto, para o certame de teatro e a Festa do Salmón; para o certame dos Pereiriños, así como para as escolas deportivas e o conservatorio profesional de música. A través da liña 4 destináronse 298.622,80 € para a contratación de 34 persoas para desempeñar tarefas no Concello da Estrada.

No caso do fomento da cultura e lingua, o Concello recibiu 77.43,05 € a través dos cales se organizaron 60 actuacións do Pontegal, así como para a dinamización lingüística, para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural e para catro actividades enmarcadas no Ano Castelao. Tamén se destinaron 35.762,12 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais especializados, ben mediante os programas "Depo en  marcha" (no que participaron 6 asociacións), "En ruta coa  Depo" (do que se beneficiaron 18 asociacións), "Depotermal" (no que participaron 84 persoas) ou "Depo Aventura A Lanzada" (do que se beneficiaron 44 nenas e nenos do concello).

Do mesmo xeito, A Estrada recibiu 34.762 € para 21 clubs de deporte federado de base, para que oito equipos disputasen a Copa Deputación e para que un club puidese participar en ligas e competicións oficiais, así como 109.051,68 € para o fomento do emprego a través do Plan de Práctica Laboral, que está a permitir que catro persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello da Estrada e 7 en empresas do municipio. Tamén se achegaron 29.348,55 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa "Conectadas", mediante o cal se organizaron 33 cursos.

Ademais, a institución provincial destinou 18.600 € para o mantemento do campo de fútbol de Pardiñeiro-Berres e para cooperativas agrogandeiras do concello, e investiu 166.789,32 € en materia de mobilidade, en concreto para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais que atravesan A Estrada.

Para este ano 2017 A Estrada recibirá do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 1.564.821,33 €, cartos aos que haberá que engadir todas aquelas axudas dos diferentes servizos e áreas da Deputación ás que pode concorrer o Concello.