Noticias

O Plan Concellos da Deputación destinará este ano máis de 400.000 € para A Illa de Arousa, un 2 % máis de recursos que en 2016

En 2016 o Goberno de Carmela Silva investiu na Illa de Arousa case dous millóns de euros


15 xaneiro 2017
A Illa de Arousa

A Deputación de Pontevedra achegaralle ao Concello da Illa de Arousa durante 2017, no marco do Plan Concellos, 407.429,80 €, 8.136,09 € máis que en 2016, o que representa un crecemento do 2,04 % respecto ao ano pasado. En 2016 A Illa de Arousa xa rexistrou un 7,90 % de incremento con respecto a 2015 (o que se traduciu en 29.366,83 € máis). Á marxe do Plan Concellos, A Illa de Arousa recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos en 2016

Durante 2016 a Deputación de Pontevedra investiu na Illa de Arousa 1.923.277,57 €. En liñas xerais, desta contía, 399.293,71 € correspondéronse co Plan Concellos. Así mesmo, a institución provincial investiu 95.998,24 € en mobilidade, 42.285,71 € en cohesión social e xuventude, 28,868,64 € en emprego, 12.623,81 € en cultura e lingua, 21.715,00 € en deportes, 21.780,00 € para o AtlanticFest e 13.091,71 € en medio ambiente.

En concreto, A Illa de Arousa investiu 296.813,15 € da liña 1 do Plan Concellos para a pavimentación de Chasán e Testos, a apertura dunha vía na travesía Entrecortiñas, a recuperación da praza do Charco e o acondicionamento da Escola de Pau. A través da liña 3, de actividades, o Concello investiu 14.000 € para actividades culturais, turísticas, sociais e medioambientais; e, finalmente, A Illa de Arousa destinou 88.480,56 € da liña 4, de emprego, para a contratación de 13 persoas para a realización de tarefas no Concello.

Un convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello permitiu destinar 1.225.000 euros para a realización das obras do proxecto de construción dun edificio para usos náutico-deportivos. Así mesmo, destinou 13.333,33 € do convenio coa Deputación para o Sendeiro Azul Senda Perimetral Vao-Xestelas, 2.574,78 € para o Plan de equipamentos deportivos e 46.712 € para o II Plan de emprego.

No caso do fomento da cultura e a lingua, o Concello recibiu 12.623,81 € da Deputación de Pontevedra, a través dos cales se organizaron 21 actuacións do Pontegal, así como para a rehabilitación do patrimonio histórico e a memoria histórica e para unha actividade enmarcada no Ano Castelao.

Tamén se destinaron 42,285,71 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios municipais e das axudas básicas de emerxencia ben mediante os programas "En ruta coa  Depo" (no que participou unha asociación), "Tecendo lazos", "Depo en marcha" (un curso formativo) ou "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 20 nenas e nenos do Concello.

Ademais, A Illa de Arousa recibiu 21.715,00 € para dous clubs de deporte federado de base, para que un equipo participase na Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para a escola deportiva provincial de piragüismo e para a participación dun club en ligas e competicións oficiais. Tamén recibiu 28.868,64 € para o fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que permite que dúas persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello da Illa de Arousa e outra para unha empresa da localidade, así como 13.091,71 € para o mantemento do campo de fútbol Salvador Otero e para a adquisición de mobiliario para a confraría de pescadores San Xulián da Illa de Arousa.

Así mesmo, a institución provincial achegou 95.998,24 € en materia de mobilidade para o Plan Móvese e para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais da Illa de Arousa.