Noticias

A Xunta de Goberno da Deputación aproba preto de 600.000 euros para Sanxenxo e A Illa de Arousa ao abeiro do Plan Concellos 2017

Con estes novos investimentos, Sanxenxo chega ao 89 % do orzamento do plan e A Illa de Arousa pecha o 100 % do plan que lle deixa máis de 400.000 euros


06 novembro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou dúas novas achegas para Sanxenxo e A Illa de Arousa por valor de 570.313,55 euros.

Por unha banda Sanxenxo recibirá 253.131,76 euros para realizar una pista polideportiva cuberta no CEIP de Nantes. Actualmente o concello do Salnés ten o 89 % do orzamento do Plan Concellos aprobado, con 996.111,22 euros concedidos.

E pola outra banda a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha achega de 317.181,79 euros para A Illa de Arousa. Con este novo investimento a vila do Salnés levará a cabo a rehabilitación de tres vivendas na rúa marqués de Bradomín que funcionarán como equipamentos socioculturais. Desta maneira, A Illa de Arousa xa ten aprobado o 100 % do Plan Concellos 2017, isto supón un total de 407.429,80 euros, cifra 2,04 % maior que no anterior ano.

Coas achegas do Plan Concellos 2017, ademais de acometer esta obra, o concello do Salnés puido contratar a 13 traballadores para garantir a prestación dos servizos básicos municipais.

Con estes novos investimentos, a Deputación de Pontevedra leva xa aprobadas achegas aos concellos da provincia por valor de preto de 38 millóns de euros, é dicir, o 91,5 % do plan.