Noticias

O Goberno da Deputación aproba achegar máis de 150.000 € para o pagamento de débedas e gasto corrente en tres concellos da provincia

Vilanova de Arousa, Forcarei e Fornelos de Montes son os beneficiarios destas achegas da institución provincial enmarcadas na liña 2 do Plan Concellos 2017


11 marzo 2017

A Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar a terceira das concesións, no marco da liña 2 do Plan Concellos 2017, para a amortización, o pagamento de débedas e gasto corrente, así como outros derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais. Esta terceira achega aprobada ten un valor de 153.688,5 €, que serán destinados a Vilanova de Arousa, Forcarei e Fornelos de Montes.

Carmela Silva sinalou que "esta é unha liña moi relevante porque lles permite aos concellos facer fronte a actividades e, polo tanto, garantir que as veciñas e veciños dos concellos da nosa provincia poidan desenvolver unha serie de proxectos imposibles de subvencionar sen os recursos da Deputación de Pontevedra", así como facer fronte ás súas obrigas. Deste xeito, remarcou a presidenta provincial, "se esta liña non existise moitos deles non cumprirían as leis que marca o Goberno do Estado e que formulan a obriga de pagar aos acredores en tempo, reducir a débeda e tamén facer fronte ao gasto corrente".

En concreto, Vilanova de Arousa recibirá 22.068,67 € para a Festa do Momo; Forcarei beneficiarase de 82.219,80 € para afrontar gasto corrente novo e o pagamento de subministración de enerxía eléctrica; e Fornelos de Montes, 49.400,03 € para gasto corrente novo, para o V Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, para o XVII Festival de Música Folk e para a Festa da Espuma 2017.

Con esta terceira aprobación da liña 2 do Plan Concellos 2017 a Deputación de Pontevedra leva xa investidos 536.830,09 € en nove concellos da provincia (Catoira, Portas, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa, Moraña, Poio, Vilanova de Arousa, Forcarei e Fornelos de Montes) para a amortización, pagamento de débedas e gasto corrente, así como gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais.

Este ano a achega total á liña 2 do Plan Concellos 2017 está situada en 6.180.000 €, o que supón o 15 % da totalidade do plan, que, neste exercicio, conta cun orzamento de 41,2 millóns de euros, isto é, un 3 % máis que o ano pasado.