Noticias

A Deputación de Pontevedra impulsa un plan global transversal para a recuperación, prevención e impulso dun novo modelo forestal para a provincia

A presidenta Carmela Silva destacou que "a Deputación de Pontevedra dedicará o máximo esforzo para que os concellos poidan facer fronte, desde estes momentos, á situación ocasionada pola vaga de lumes e impulsar novos proxectos de prevención"


31 outubro 2017
Plan global transversal para a recuperación, prevención e impulso dun novo modelo forestal para a provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, compareceron esta mañá en rolda de prensa para dar conta dun novo plan global transversal que a institución vai poñer en marcha para recuperar, previr e impulsar un novo modelo forestal para a provincia. En total, todas as diferentes actuacións que a institución provincial porá en marcha a través deste plan global sumarán preto de 90 millóns de euros que permitirán que os concellos, desde estes momentos, poidan dar resposta ás consecuencias e danos provocados pola vaga de lumes, impulsar novos proxectos de prevención e adoptar un novo modelo forestal adaptado á situación á que se enfronta a provincia debido ao cambio climático.

En liñas xerais o plan global, cuxo conxunto de iniciativas sumará preto de 90 millóns de euros, estrutúrase de xeito transversal a través das diferentes áreas da Deputación de Pontevedra no marco das súas competencias e respectando a autonomía municipal. Así, o plan impulsarase desde a cooperación municipal e desde a concienciación, prevención e cambio de modelo da política forestal na provincia de Pontevedra.

A presidenta da Deputación de Pontevedra detallou que a institución provincial vai posibilitar o cambio dos fondos do Plan Concellos 2017 para que os municipios poidan reparar os danos dos incendios acontecidos en outubro de 2017 en materia de infraestruturas municipais, bens, maquinaria e equipamentos municipais e infraestruturas locais de abastecemento de auga. Xunto a esta modificación, e coa finalidade de axilizar as actuacións de mellora de infraestruturas e servizos municipais así como para non condicionar e frear as previsións de investimentos dos concellos por mor dos danos dos incendios, a Deputación vai impulsar un Plan Concellos Bianual 2018-2019 o que vai supoñer –tal e como subliñou Silva– "unha inxección moi relevante de recursos para os concellos". Máis polo miúdo, a través desta actuación os concellos poden dispoñer de 12 millóns de euros do Plan Concellos 2017, máis de 40 millóns de euros do Plan Concellos 2018 e máis de 30 millóns de euros que se corresponderían co Plan Concellos 2019.

O vicepresidente César Mosquera insistiu en que a Deputación "está a reconducir case toda a actividade e orzamentos da institución provincial para aportar solucións realistas" e engadiu que "esta é a resposta máis potente que puidemos formular. Esgotamos os nosos recursos económicos e de coñecemento ata finais do mandato. É un esforzo para afrontar os danos e tamén para mostrar que hai outro camiño para facer as cousas doutra maneira. Non hai solucións máxicas. Si hai solucións realistas e ímolas poñer sobre a mesa con este paquete de medidas que acabamos de anunciar", afirmou.

Carmela Silva informou que "dentro deste apoio aos concellos da provincia estamos moi preocupados pola necesidade de cambiar o modelo da política forestal o que implica, tamén, a concienciación da cidadanía". Neste eido, a presidenta da Deputación asegurou que "nos programas que poñamos en marcha, a partir destes momentos, imos introducir iniciativas educativas de forma transversal para impulsar un maior coñecemento do monte como medio natural, para concienciar á cidadanía sobre como previr ou como debe actuar ante situacións como a vaga de lumes que afectou á provincia en outubro de 2017".

E xunto a estas actuacións, tamén se van incorporar máis partidas a través do Plan Revitaliza, novos recursos do Plan de Parques Forestais, que faciliten a prevención e o cambio na política forestal, e o impulso dun estudio, sobre o que xa se falou coa Universidade de Vigo, elaborado por persoas expertas e técnicas mundiais para plasmar directrices claras sobre como actuar no monte galego.

Neste sentido, o vicepresidente quixo facer fincapé en que se ben o investimento económico é importante, tanto ou máis o será o asesoramento dos mellores expertos do mundo en materia forestal. Ao respecto, Mosquera tamén se referiu ao acordo coa Universidade de Vigo a través do cal persoal técnico e profesionais van elaborar en dous ou tres meses un documento con directrices de como actuar no monte que servirá de acción aos concellos é incluso á Xunta de Galicia. "Hai xente que sabe, e hai que facer unha revisión sistemática do que acontece e poñelo a disposición. Hai que descartar os problemas que non funcionan e recoller o máis avanzado do mundo, tanto de expertos galegos, portugueses, americanos, canadianos, australianos… que crearán un documento guía concreto e operativo", explicou.

Así mesmo, Mosquera subliñou que é preciso que os concellos se adapten ás condicións coas que terán que vivir no futuro á hora de utilizar os recursos económicos que aportará a Deputación: o quecemento global e o récord de emisións de CO2 á atmosfera. Destacou que hai anos que as e os expertos veñen anunciando que as consecuencias destes problemas ambientais se ían notar no norte da Península Ibérica con máis temporais, máis seca e máis lume. "Agardemos que os concellos teñan en conta isto á hora de utilizar os recursos que poñemos a disposición, xa que teñen que ter un enfoque global de actuación para os problemas do monte. Non pode ser que teñan infraestruturas –de abastecemento de auga, de subministro, equipamentos…– en precario fronte aos incendios", salientou o nacionalista, quen fixo fincapé unha vez máis en que tanto por extensión como polo seu estado, "a situación do monte é o peor problema ambiental de Galicia".

Pola súa banda, Carmela Silva recordou tamén que as administracións competentes para as liñas de axuda para a reparación dos danos son o Estado e a Xunta de Galicia e que son eles quen deben cubrir todas as consecuencias dos lumes. Silva lamentou que a día de hoxe o Goberno de España aínda non teña declarada á provincia de Pontevedra como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil e manifestou o seu desexo para que "hoxe, na reunión que o delegado territorial da Xunta de Galicia ten convocada cos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados polo lume, se diga que no próximo Consello de Ministros se vaia proceder a esta declaración xa que así se fixo cando aconteceron catástrofes en Andalucía e Valencia (en decembro do 2016) en cinco días e agardo que aquí, que levamos o triplo de tempo, o fagan no próximo Consello".