Noticias

Carmela Silva impulsa na FEMP una declaración esixindo un cambio no modelo forestal e a posta en marcha de axudas para os afectados pola vaga de lumes de Galicia, Asturias e Castela e León

Os concellos e as deputacións queren participar nas novas estratexias de confección dos fondos europeos de inversión para o período 2021-2028


25 outubro 2017
FEMP

A Comisión de Deputacións e Cabildos da Federación Estatal de Municipios e Provincias (FEMP), que celebrou hoxe unha xuntanza en Castellón, aprobou unha declaración institucional, impulsada por Carmela Silva, sobra a vaga de lumes que sufriron Galicia, Asturias e Castela e León, así coma o noso país veciño, Portugal.

Nesta declaración recóllese a necesidade de que o Consello de Ministros declare as zonas afectadas, previo informe das comunidades autónomas, como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, de acordo coa Lei 17/2015 de protección civil, que permita a  concesión urxente de axudas e subvencións para a recuperación socioeconómica e ambiental, e para paliar, na medida do posible, as consecuencias dos incendios.

Outro dos aspectos que subliña a declaración das deputacións de toda España é a necesidade dun cambio de modelo na política forestal, na elaboración da cal poidan participar todas as administracións, colaborando na protección do noso patrimonio natural e do noso futuro. Carmela Silva agradeceu a todas as deputacións do país a súa sensibilidade polo acontecido cos lumes forestais que puxeron a provincia de Pontevedra nunha verdadeira emerxencia durante a fin de semana do 13 ao 15 de outubro, así coma o seu apoio para a declaración de zona de emerxencia de protección civil. 

A proposta do presidente da Comisión, a próxima xuntanza da mesma, que será no mes de febreiro de 2018, celebrarase na provincia de Pontevedra, sendo a Deputación de Pontevedra a súa organizadora.

Por outra parte, a Comisión analizou unha proposta para a participación local no deseño dos novos fondos estruturais e de inversión da Unión Europea. Nesta proposta, os concellos e as deputacións provinciais solicitarán ser interlocutores e participar no deseño dos novos fondos estruturais da Unión Europea para o período de 2021- 2028, co fin de mostrar a importancia que teñen as entidades locais no medio rural ante os desafíos do despoboamento. Por iso Carmela Silva mostrou todo o seu apoio para que se solicite ao Goberno do Estado que se teña en conta esta posición.

Carmela Silva mostrou tamén o seu total apoio a que o ano próximo se celebre unha xuntanza en Bruxelas de xeito que se poidan acadar alianzas externas con esta proposta sobre o medio rural e o despoboamento, sobre todo "cando a súa defensa é máis urxente despois da vaga de lumes que demostra a importancia do despoboamento do medio rural e os seus efectos medioambientais".

Con respecto á directiva europea que obriga as entidades locais a rexistrar todos os seus contratos públicos (Directiva 2014/24/UE de 26 de febreiro de 2014), a presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que "as alcaldesas e os alcaldes de todos os grupos políticos trasládanme que, por un lado, a plataforma habilitada por Patrimonio é complexa e xera moita confusión entre os técnicos, polo que deberiamos de propoñer unha adaptación para facela más accesible. E, en segundo lugar, as rexedoras e rexedores trasladan que están obrigando a facer a mesma xestión en varias administracións coa remisión dos contratos públicos a diversas administracións. O mellor sería propoñer unha soa remisión da plataforma estatal que recolla todos os contratos públicos e que de aí se abastezan o resto de plataformas de outras administracións, sobre todo cando os pequenos concellos non teñen persoal e recursos para poder facelo con garantías".

Por último, e sobre a adaptación do novo Sistema de Protección de Datos nas entidades locais, que debe estar en servizo o ano próximo, Carmela Silva subliñou a necesidade de contar coa financiación adecuada "porque esixe un esforzo para os concellos máis pequenos, que en moitas ocasións non poden facer". Polo tanto, reclamou "os medios para facelo ou se non, os recursos económicos que tería que poñer o estado para que os concellos poidan asumilo".