Noticias

A Deputación aprobará este luns unha axuda de máis de 54.000 euros para crear o parque forestal Miradoiro de Cotorredondo, en Vilaboa

O vicepresidente Mosquera destaca que a institución provincial pretende "corrixir e mellorar un dos maiores problemas ambientais de Galiza: o mal estado do monte"


12 outubro 2017
Parque Forestal de Cotorredondo

A Deputación de Pontevedra aprobará este luns na Xunta de Goberno unha axuda de máis de 54.000 euros para a creación do parque forestal Miradoiro de Cotorredondo, en Vilaboa. Esta achega inclúese dentro do plan axudas a concellos para a mellora dos montes da provincia mediante a creación de parques forestais, que terá un importe total para repartir de 443.966,87 euros. Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, impulsor da iniciativa, "o maior problema ambiental de Galiza, e en concreto das Rías Baixas, a día de hoxe é o mal estado do monte. Esta liña de axudas da Deputación é un esforzo para intentar corrixir e mellorar a situación, xa que o desleixo nos montes é algo masivo, un desastre absoluto".

O parque forestal Miradoiro de Cotorredondo terá unha superficie de 53 hectáreas, pertencentes ao concello de Vilaboa. Foi a Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres a que lle cedeu o terreo ao municipio. O luns a Deputación concederalle oficialmente a Vilaboa un total de 6.360 euros para redactar o proxecto do parque (o 80 % do orzamento total de 7.950 euros), así como 47.700 euros para executar as actuacións indicadas nese proxecto, o que representa tamén o 80 % do investimento orzamentado.

O parque forestal de Cotorredondo será singular, xa que os seus 549,5 metros de altitude sobre o nivel do mar fan que teña unha das mellores vistas da contorna das Rías Baixas. Así mesmo, existe na superficie de actuación unha necrópole composta por cinco mámoas e un petroglifo catalogados. Todo isto, xunto á súa situación, entre Vigo e Pontevedra, e a súa proximidade ao parque do Lago Castiñeiras, fai que poida ser un dos puntos sur da provincia con máis interese paisaxístico e didáctico.

Así mesmo, neste espazo existen plantacións de especies frondosas caducifolias coma castiñeiros e carballos, e de coníferas de piñeiro, así como unha zona de colección botánica composta por especies arbóreas de catro espazos do mundo, que é preciso liberar de especies invasoras que fan necesario actuar sobre esas masas "asfixiadas" para acadar obxectivos de usos do monte produtivo, recreativo e conservacionista.

Neste sentido, no proxecto prevese realizar labores de conservación de masas frondosas autóctonas, a eliminación de especies invasoras e pirófitas coma o eucalipto e a acacia, cun tratamento integral en todo o parque para fomentar o uso social e recreativo do monte. A día de hoxe, de feito, estas especies dificultan a visibilidade das panorámicas aos visitantes e, así mesmo, son un factor de risco para os lumes forestais, tanto por favorecer a propagación do lume coma por evitar o labor de apoio dos medios de extinción.

No parque tamén se prevé mellorar a oferta de actividades didácticas e de lecer, obter madeiras de calidade tanto polos tratamentos silvícolas coma para acadar unha pequena e local economía circular, así como potenciar o uso produtor coa obtención de madeira, leñas e  produción de cogomelos, así como a colleita de mel.

Dentro da superficie que se vai mellorar existe un antigo parque biosaludable, composto por táboas de exercicios de madeira, que debe ser arranxado e restaurado para uso e gozo de visitantes e comuneiros.