Noticias

A Deputación de Pontevedra impulsa o Camiño Portugués da man dos concellos da provincia e das cámaras municipais de Portugal

A institución provincial lidera, xunto con 13 concellos da provincia e 4 cámaras municipais do Norte de Portugal, o proxecto "Camiño Portugués: conservación e valoración do Camiño Portugués de Santiago. O patrimonio cultural e natural como factor de desenvolvemento económico", que opta a fondos da Unión Europea


04 feb 2016
Camino de Santiago

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co deputado delegado de Cooperación, David Regades, deu a coñecer esta mañá o proxecto "Camiño Portugués: conservación e valoración do Camiño Portugués de Santiago. O patrimonio cultural e natural como factor de desenvolvemento económico". Este proxecto, liderado pola institución provincial e no que participan os 13 concellos da provincia (Tui, Salceda de Caselas, Mos, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga e Pontecesures) e as 4 cámaras municipais do Norte de Portugal (Ponte de Lima, Paredes de Coura, Barcelos e Valença) polas que discorre o Camiño Portugués, opta aos fondos europeos INTERREG V-POCTEP, Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.

Carmela Silva destacou que o Camiño Portugués "é un elemento fundamental na área de Galicia-Norte de Portugal, que agrupa un numeroso patrimonio cultural material e inmaterial, así como un rico patrimonio natural que constitúe un factor de desenvolvemento fundamental para esta zona, unha forma de entender o territorio que nos identifica e forma parte do que somos". Ademais, a presidenta subliñou que o turismo é un dos sectores con maior incidencia no desenvolvemento económico desta zona transfronteiriza, e o Camiño Portugués é "un escaparate do noso patrimonio que debemos impulsar para converter nunha ruta atractiva, segura e accesible".

O proxecto, cuxo orzamento ascende a máis de catro millóns de euros, parte da necesidade de protexer e promover o patrimonio cultural e natural mediante a cooperación, o traballo en rede de todos os axentes implicados e a innovación. Para iso baséase en estratexias de crecemento intelixente, sostible e integrador, apostando pola modernización e mellora continua dos servizos turísticos, incidindo na calidade e sostenibilidade para ser máis competitivos. En concreto, contémplanse accións para mellorar a información e os servizos que demanda o peregrino a través das novas tecnoloxías, de modo que o sector turístico estea máis capacitado para ser máis competitivo e atraer un maior fluxo de peregrinos e visitantes mediante unha comercialización adaptada ás distintas demandas. Pero tamén este proxecto comprende actuacións de protección e recuperación do patrimonio cultural e natural, a sinalización dos recursos e o incremento nun 25 % do número de turistas que percorren o territorio do proxecto.

Ademais, a través desta actuación preténdese reforzar a cooperación transfronteiriza, sensibilizar a poboación na protección do Camiño Portugués e converternos nun destino turístico de calidade. Para iso, entre outras cuestións, elaborarase un plan de mellora do Camiño Portugués para convertelo nunha ruta segura, accesible e atractivo; unha guía didáctica para escolares; unha axenda cultural; actuacións de promoción como unha páxina web, a Fair Way (feira do camiño), unha exposición itinerante, un foro sobre turismo sostible e unha workshop de creación e venda de produtos turísticos; e unha rede de traballo con estrutura operativa e estable de cooperación para protexer o Camiño Portugués.

O alcalde de Caldas, como rexedor do concello con maior número de quilómetros de Camiño Portugués na provincia de Pontevedra e en nome dos 13 concellos que participan no proxecto, subliñou o carácter do Camiño Portugués como "motor socioeconómico fundamental para as vilas polas que pasa, ademais dun factor de singularidade que nos identifica". Neste sentido, destacou a importancia de protexer o Camiño e aproveitou a ocasión para pedirlle á presidenta da Deputación que inste á Xunta de Galicia para que "repoña tramos do Camiño Portugués que hoxe, pese a ser ano Xubilar, se atopan en serias dificultades e en moi mal estado".

Pola súa banda, e en representación das cámaras municipais do Norte de Portugal, a edil María Elisa Azevedo Leite Braga manifestou a importancia deste proxecto "audaz e pioneiro, que nos permite preservar o Camiño Portugués de forma consistente, sostible e seria, potenciando todas as posibilidades de desenvolvemento dos territorios transfronteirizos". Ao mesmo tempo agradeceulle "á Deputación de Pontevedra que nos fixese partícipes deste proxecto, coa certeza de que no ano 2021 vamos a obter uns resultados fantásticos".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, pechou o acto de presentación do proxecto destacando a importancia de manter "vivo o espírito do Camiño para que nos permita que este territorio transfronteirizo no que vivimos sexa un territorio de oportunidades".