Noticias

A Deputación de Pontevedra súmase á feira internacional do Camiño de Santiago Fair Way

Carmela Silva presentará no Palacio de Congresos compostelán e ante touroperadores, prensa especializada e institucións de toda a Península o potencial da provincia


06 novembro 2017
Presidenta Comodin

A Deputación de Pontevedra súmase á Feira Internacional do Camiño de Santiago Fair Way, que terá lugar a partir deste mesmo domingo día 12, e ata o martes 14, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Este evento, que celebra este ano a súa segunda edición, ten por obxectivos converterse nun espazo onde se aborde o fenómeno do Camiño en toda a súa amplitude, onde se reflexione para atallar as necesidades e problemas deste itinerario cultural, onde se creen redes de traballo para trazar o futuro deste entorno patrimonio da humanidade e se lle dea consistencia ao produto turístico que se xera arredor das diferentes rutas a Santiago de Compostela.

Deste xeito, a institución provincial estará presente no encontro a través de varias accións, como a presentación que realizará a presidenta, Carmela Silva, o vindeiro luns ás 11:45 horas. Carmela Silva dará conta na súa intervención, que estará dirixida tanto á prensa especializada como ao sector privado especializado no Camiño, de todo o potencial que o Camiño ten na provincia de Pontevedra, así como das singularidades turísticas das diferentes rutas que transcorren pola provincia. Do mesmo xeito, o deputado provincial Carlos López Font estará presente o martes na Mesa de Debate do Camiño Portugués, a partir das 16:30 horas, onde se abordarán os retos desta ruta desde o punto de vista da planificación, sinalización e promoción a escala autonómica, estatal e internacional.

Ademais, a Deputación de Pontevedra contará cun stand propio de promoción destes cinco percorridos oficiais que transcorren polo noso territorio: o Camiño Portugués, o Camiño Portugués pola Costa, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno e a do Río Ulla-Mar de Arousa. A través deste expositor, de carácter interactivo, amosarase dun xeito atractivo e innovador o potencial da provincia e, ademais, estará dispoñible para os concellos que queiran realizar encontros ou reunións no marco deste evento.

Tamén no marco do Fair Way, a Deputación de Pontevedra está a permitir que as empresas da provincia que estean interesadas en participar nun workshop co obxectivo de favorecer alianzas comerciais entre operadores do Camiño a nivel internacional poidan asistir baixo o paraugas da institución provincial cun 25 % de desconto na inscrición (ata o de agora xa son 15 o número de empresas que gozan deste desconto).

E en último lugar, a Deputación de Pontevedra tamén colabora na elaboración, este mesmo venres, dun percorrido que fará un grupo de 15 xornalistas e touroperadores estranxeiros por distintos puntos do Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, coñecendo de primeira man o potencial cultural e turístico de ambas as dúas rutas. Este percorrido comezará na catedral de Tui e pasará por recursos patrimoniais e turísticos da provincia de Pontevedra como bodegas, museos, o castelo de Soutomaior, as fontes termais de Caldas de Reis ou os xardíns da camelia do pazo de Rubians, entre outras localizacións.

Coa súa participación na Feira Internacional do Camiño de Santiago Fair Way, a institución provincial busca colaborar co sector implicado no Camiño, tanto o privado como no eido das administracións, na labor de promoción e da dinamización turística do Camiño, a través deste abano de iniciativas que poñen a énfase tanto na imaxe institucional como nas accións de promoción que se desenvolven desde a Deputación de Pontevedra. En Fair Way participarán touroperadores estatais e internacionais, prensa especializada e institucións españolas e do norte de Portugal relacionadas co Camiño de Santiago.