Noticias

A Deputación de Pontevedra destina a Dozón unha nova achega do plan concellos por preto de 47.000 euros

Con este investimento provincial, o Concello poderá financiar a mellora dos camiños en Requeixo, A Parte-Rodeiro e Barrio-O Carballo


03 novembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou da aprobación, mediante unha resolución presidencial, dun novo investimento a Dozón ao abeiro do Plan Concellos por un total de 46.382,85 euros. Trátase esta vez dunha axuda para a mellora de camiños en Requeixo, A Parte–Rodeiro e Barrio–O Carballo.

Ademais desta cantidade, o goberno provincial ao través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 233.664,38 euros na liña 1 destinados a financiar obras de pavimentación dun camiño no lugar de Amedo, O Zudreiro, Amear, O Abeledo, Castro, Corredoira, Vilarello, Puxeiras–Moi, Corredoira a Paredes e a traída de auga nas Nogueiras. Tamén se pavimentaron pistas parcelarias en Pereirón, así como outros camiños nas Maceiras, Santo Domingo e Pereirón–A Estivada.

Ademais, outros 36.408 euros foron destinados á financiación da contratación de traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

A Deputación destina este ano a Dozón, a través do Plan Concellos, un total de 616.010,07 euros, un 73,16% máis que en 2017.