Noticias

A Deputación investirá máis de 221.000 euros en rehabilitar a estrada provincial EP-6104 en Dozón

O deputado Uxío Benítez explica que as obras, que mellorarán o firme nun treito de seis quilómetros, teñen un prazo de execución de catro meses


23 setembro 2018
Estrada provincial EP-6104

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai rehabilitar o firme de varios puntos da estrada provincial EP-6104 Castro-Dozón-Saa-A Rocha nun treito de seis quilómetros dentro do concello de Dozón. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a Xunta de Goberno provincial aprobou este venres o proxecto de execución, cun orzamento de 221.435,71 euros e un prazo de execución de catro meses.

Este proxecto pasa agora á fase de licitación, publicándose na plataforma electrónica de Contratación, o que permitirá que as empresas interesadas na obra poidan presentar as súas ofertas. O persoal técnico provincial valorará cal é a mellor proposta económica e técnica para a adxudicación. Logo da sinatura do contrato e o reformulamento dos traballos haberá un prazo de catro meses para rematar a actuación.

Uxío Benítez explica que a intención deste proxecto, que abrangue case seis quilómetros de vía, dende o punto quilométrico 0+000 ata o 5+900, é mellorar a seguranza viaria e peonil pavimentando a traza existente: levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.

Así mesmo, mellorarase a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escoamentos creen balsas na calzada. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, marcas brancas transversais, símbolos e frechas, entre outros) co fin de mellorar a visibilidade da traza da vía para as persoas condutoras, sobre todo en días de néboa e chuvia.

Segundo os datos do último estudio de aforos realizado pola Deputación en 2017, a EP-6104 presenta un tráfico medio duns 438 vehículos: no reconto realizado no punto quilométrico 0+700 detectouse o paso de 388 vehículos lixeiros e 50 pesados, habendo un reparto de sentidos de 52-48 e unha velocidade media de 64 quilómetros/hora.