Noticias

A Deputación de Pontevedra destina a Caldas de Reis máis de 70.000 euros para a execución de dúas novas actuacións na vila

Con este investimento, o Goberno de Carmela Silva vai financiar as obras de mellora e reparación de camiños e servizos públicos da vila


07 febreiro 2019
Plan Concellos 2019

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante sendas resolucións presidenciais, dous novos investimentos no Concello de Caldas de Reis por un valor total de 71.809,01 euros ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2019. Trátase, nesta quenda, dunha axuda de 36.260,40 euros para financiar a reparación do tramo de saneamento en San Roque; e outra achega de 35.548,61 euros destinados á mellora de pavimentos en Camiño Alto de Ribocias. Este ano o Goberno de Carmela Silva pon á disposición de Caldas de Reis a través do Plan Concellos 2019 un total de 733.577,55 euros, o que supón un 3,23 % máis que no exercicio anterior.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 506.949,34 euros, o Concello de Caldas de Reis tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 65.722,18 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 160.906,03 euros da Liña 3 de emprego cos que o Concello pode financiar a contratación de 10 traballadoras e traballadores para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio do 2018.