Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina preto de dous millóns e medio de euros a oito concellos da provincia a través do Plan Concellos 2019

Con estas partidas faranse obras de saneamento, pavimentación e mellora de vías na Estrada, Marín, As Neves, Barro, Salceda de Caselas, Silleda, Caldas de Reis e Moaña


20 xaneiro 2019
Rueda de prensa Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos nun total de oito municipios da provincia no marco da liña 1 do Plan Concellos. Trátase dun total de dez partidas por un total de 2.393.963,5 euros para diversas actuacións na Estrada, Marín, As Neves, Barro, Salceda de Caselas, Silleda, Caldas de Reis e Moaña.

Para A Estrada, o Goberno provincial autorizou un investimento de 1.126.999,99 euros para financiar a pavimentación de diversas vías rurais da vila. En total, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra pon á disposición da Estrada este ano 1.648.496,67 euros, un 4,26 % máis que no exercicio anterior.

No caso de Marín, o Goberno de Carmela Silva vén de aprobar unha achega de 136.523,91 euros para a renovación da rodaxe da vía da praia de Aguete. Este ano, a través do Plan Concellos, Marín ten á súa disposición 1.071.393,22 euros, un 3,35 % máis que o ano pasado.

Para As Neves, a Deputación de Pontevedra deulle o visto bo a dúas achegas por un valor total de 240.667,58 euros. Máis polo miúdo, 65.477,92 euros serán destinados á mellora da pavimentación no camiño da Igrexa de Batalláns á autovía das Neves e outros 175.189,66 euros para financiar tamén a mellora do pavimento no camiño de Pousadouro á autovía. A través do Plan Concellos, As Neves ten este ano á súa disposición 556.434,2 euros, un 2,89 % máis que no exercicio anterior.

Para Barro a institución provincial aprobou outros dous investimentos por un valor total de 134.741,57 euros. Máis polo miúdo, 60.101,79 euros para financiar a ampliación do saneamento en Bretoña (Curro) e outros 74.639,78 euros para a renovación da capa de rodaxe en Fonte de Curro. A través do Plan Concellos, Barro ten este ano á súa disposición un total de 441.102,74 euros, un 3,16 % máis que en 2018.

No que respecta a Salceda de Caselas, a institución provincial deulle o visto bo a unha partida económica de 82.535,53 euros para a mellora do camiño municipal Borralliño-Pantel (Soutelo-Parderrubias). Este ano, a través do Plan Provincial, o Goberno de Carmela Silva destina a Salceda de Caselas 677.440,1 euros, un 3,34 % máis que no exercicio do ano pasado.

Para Silleda, o Goberno provincial autorizou un investimento de 489.361,54 euros para financiar a mellora de diversos camiños municipais na vila. En total, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra pon á disposición de Silleda este ano 784.466,23 €, un 3,86 % máis que en 2018.

No caso de Caldas de Reis, o Goberno de Carmela Silva vén de aprobar unha achega de 96.883,77 euros para a instalación de saneamento separativo na rúa Real e rúa Carlos García Bayón. En total, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra pon á disposición de Caldas de Reis este ano 733.577,55 euros, un 3,23 % máis que no exercicio anterior.

Finalmente para Moaña, a institución provincial tamén lle deu o visto bo a unha partida económica de 86.250 euros para financiar o proxecto de implantación do eixo de mobilidade amable e segura de interconexión dos centros urbanos de Moaña e Cangas. Este ano, a través do Plan provincial, a Deputación de Pontevedra destina a Moaña 1.019.697,75 euros, un 2,9 % máis que no exercicio anterior.

A través do Plan Concellos 2019, a Deputación pon á disposición dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes un total de case 43,5 millóns de euros, o que supón un 3,3% máis que en 2018. Para a Liña 1 -Investimentos- destínanse un total de 30 millóns de euros, para a liña 2 -amortización, pago de débedas e gastos correntes- van un total de 3,9 millóns de euros e para a liña 3 -Emprego- achéganse 9,5 millóns de euros.