Noticias

O Goberno de Carmela Silva destinará no 2019 máis de 730.000 € a Caldas de Reis ao través do Plan Concellos, un 3,2 % máis que este ano

O alcalde Juan Manuel Rey presentou á presidenta da Deputación a relación de obras que o seu Concello poderá financiar o ano que vén cos investimentos provinciais


22 decembro 2018
Reunión alcalde Caldas de Reis

A Deputación de Pontevedra destinará este novo ano 2019 a Caldas de Reis un total de 733.577,55 euros a través do Plan Concellos, o que supón un 3,23 % máis que en 2018. Deste Orzamento total, 506.949,34 euros irán destinados á Liña 1 de Investimentos, cos que se poderán financiar un total de sete obras que o alcalde caldense, Juan Manuel Rey, lle presentou este venres á presidenta provincial, Carmela Silva.

Máis polo miúdo, as actuacións que financiará a Deputación no 2019 en Caldas de Reis, decididas polo Goberno municipal, serán a posta en marcha da cantina do campo de fútbol de As Corticeiras por 78.357,13 euros; a instalación de saneamento separativo na rúa Areal e na rúa Carlos García Bayón, por 96.883,77 euros; a reposición de canalizacións na rúa Fornos, por 77.108,96 euros; a ampliación da rede de saneamento e abastecemento en Segade de Arriba, por 150.556,84 euros; para o proxecto de mellora de pavimentos no camiño alto de Ribocias, por 35.548,61 euros; para o proxecto de reparación de tramo de saneamento en San Roque, por 36.260,4 euros; e para o proxecto de saneamento do asilo das Hermanitas dos Anciáns Desamparados, 32.161,63 euros.

Estas sete obras súmanse ás 16 actuacións que xa se financiaron en Caldas coa Liña 1 do Plan Concellos nos últimos tres anos de lexislatura. Entre elas, cabe destacar a construción de vestiarios e a poza de 6 metros no terreo Tafona e a renovación da rúa Loureiros, no 2016; o saneamento no lugar de Casalderique e a adquisición de parcela para a ampliación do centro ocupacional, no 2017; e o saneamento de residuos en Feitoso, a edificación para a Escola de Música, Escola Taller e outros usos municipais e o saneamento do núcleo de Casalderrique en Carracedo, no 2018.

Ademais, Caldas terá á súa disposición, ao través do Plan Concellos 2019, outros 65.722,18 euros para a Liña 2 de amortización, así como 160.906,03 euros para financiar a contratación de traballadoras e traballadores para o Concello ao través da Liña 3 de Emprego. De feito, nos últimos tres anos, o concello conseguiu crear 28 postos de traballo ao abeiro do Plan.

Máis de 5 millóns de euros en tres anos

No que vai de lexislatura, o Concello de Caldas de Reis leva recibido máis de 5 millóns de euros en partidas da Deputación. En concreto, 5.023.537,52 euros que se converten no maior investimento da historia da Deputación e o maior que fixo ningunha outra administración neste concello.    

Ademais, o municipio caldense tamén é un dos concellos beneficiarios do Plan de Reequilibrio. En concreto, conta con financiación por 794.062,39 euros para a construción da nova edificación para a Escola de Música, Escola-Taller  e outros usos municipais.