Noticias

A Deputación de Pontevedra destina 465.000 € a axudas básicas de emerxencia en 2016

O novo goberno da institución provincial reafírmase no seu compromiso social e incrementa en 100.000 € esta liña de axudas con respecto ao ano 2015


03 abr 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a liña de axudas básicas de emerxencia para o ano 2016 por valor de 465.000 €, 100.000 € máis que no ano anterior. Esta liña de axudas ten por obxectivo proporcionarlles aos concellos de menos de 20.000 habitantes apoio económico para poder atender as demandas de urxente e puntual necesidade das súas veciñas e veciños que se atopen en situación ou risco de exclusión social, con especial atención ás persoas con menores ao seu cargo.

A través desta actuación, amparada na lexislación que establece que as deputacións deben proporcionar asistencia aos concellos con menos de 20.000 habitantes en materia de servizos sociais comunitarios municipais, outorgaráselle unha contía a cada concello da provincia con poboación inferior ás 20.000 persoas atendendo ao número de habitantes e á porcentaxe de desemprego.

As axudas básicas de emerxencia da Deputación de Pontevedra para 2016 están destinadas aos servizos sociais comunitarios municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia e beneficiarán as persoas maiores de idade empadroadas nestes concellos que carezan de ingresos insuficientes. Entre as actuacións que cobre esta liña de axudas inclúense as achegas destinadas á compra de alimentos e apoio á infancia, pagamento de recibos que impidan o desafiuzamento, axudas para o acondicionamento de habitabilidade da vivenda, achegas destinadas a evitar a perda de subministracións básicas da vivenda ou para comprar produtos básicos de uso común para limpeza da vivenda e aseo persoal, axudas destinadas ao pagamento de produtos farmacéuticos prescritos por persoal facultativo especialista e de atención primaria, compra de electrodomésticos básicos, achegas para o pagamento de desprazamentos a recursos asistenciais ou sanitarios así como axudas destinadas ao pagamento de aparellos para mellorar a audición en persoas con déficit auditivo e lentes para as que teñan déficit visual.

Os servizos sociais comunitarios municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra serán os encargados de xestionar as demandas das veciñas e veciños que se poidan acoller a esta liña de axudas. Para iso os servizos sociais dos concellos deberán solicitar participación nesta convocatoria cubrindo o formulario que estará á súa disposición na web www.depo.es e presentándoo nos rexistros da Deputación de Pontevedra. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e rematará no prazo dun mes.