Noticias

A Deputación de Pontevedra conmemora o Día Internacional Contra as Violencias Machistas cun graffiti na ferrería

O acto, enmarcado na segunda edición do programa "Mulleres en acción. Violencia Zero", tiña por obxectivo visibilizar e concienciar para "deter esta lacra social que supón un drama para unha sociedade que quere ser avanzada"


25 nov 2016
Mulleres en acción. Violencia Zero
violencia zero

Co graffiti da artista SAX a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e deputadas e deputados da institución provincial, inaugurou en Pontevedra a segunda edición do proxecto "Mulleres en Acción. Violencia Zero", unha mostra itinerante que este ano percorrerá 25 concellos da provincia e que quere, a través da cultura, contribuír a loita contra as violencias de xénero que sofren as mulleres.

Na súa intervención, Silva puxo o acento en que "hai que acabar con esta lacra nunha sociedade que queira chamarse  democrática, libre, igualitaria, xusta e moderna". "Queremos visibilizar e concienciar. Violencia Zero pretende que todos nos poñamos a traballar para deter este horror que supón un drama para unha sociedade que quere ser unha sociedade avanzada".

A presidenta da Deputación quixo aproveitar a ocasión para "dar unas cifras co obxectivo de levantar as conciencias e as reivindicacións cidadáns: falo de que no 2015 presentáronse 129.193 denuncias en España por violencia machista, das cales 5.210 foron en Galicia e 2.245 na provincia de Pontevedra, e que desde o 2003 foron asasinadas 822 mulleres, máis de 5 mulleres ó mes durante trece anos". Silva engadiu que "segundo a ONU cada 10 minutos un home mata a unha muller nalgún punto do planeta e, en España, nos últimos dous anos foron asasinadas 108 mulleres". Amais, a Presidenta manifestou que "un total de 16 pontevedresas están protexidas por dispositivos GPS fronte ós seus maltratadores e que, segundo o sistema Viogén, hai na nosa provincia un total de 908 vítimas en casos activos, das cales 310 contan con protección policial fronte ós seus agresores".  

Ante estas cifras Carmela Silva reclamou "un gran pacto de estado e que se modifique a lei para que contemple todos os recursos necesarios, económicos, sanitarios, xudiciais e de todo tipo para acabar con esta lacra".

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para agradecer ó alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e cidadanía de Pontevedra a súa implicación nesta loita para poñer fin á violencia machista. Ó que respondeu o alcalde reiterando "o seu compromiso nesta loita contra a violencia machista".

A actuación de SAX, xunto ó DJ Gabry Massa, que acompañou a acción con música en directo, consistiu nun graffiti en contra da violencia multixénero, tanto homofóbica como transfóbica, rexeitando como persoas a quen a fomenta e a executa.  SAX é unha graffiteira viguesa que se inicia no ano 1997 nunha especialidade de pintura maioritariamente masculina. Pertence a un grupo internacional de artistas do graffiti chamado "Stick up girlz" no que todas as persoas que o integran, agás unha, son mulleres, para animar a máis mozas a iniciarse no graffiti, na arte urbana.

A segunda edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" ampliase este ano a 25 accións, en 25 concellos,  en homenaxe ao 25 de novembro. As accións desenvolveranse a razón de 2 cada mes, de novembro a outubro de 2017, e culminarán cunha acción final en novembro de 2017. Os concellos que acollerán o proxecto, ademais de Pontevedra, son Vigo, Marín, Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Cambados, Ponteareas, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra do Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía , Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda, Meaño e Tui.